Opinión

Con flores a porfía

O de “con flores a porfía” non cheguei a entendelo ata ben tarde; son desas cancións que se cantaban de neno na igrexa sen saber o que se estaba cantando por descoñecer o significado de palabras como “porfía”. Ben sendo como aquel problema que me puxeran nun exame para a beca no que desistín de intentalo por descoñecer a palabra “zócalo”, do que nos pedían non sei que medidas. E claro, ¿como ía preguntarlle eu ao examinador polo seu significado?, iso pouco menos que me levaría a ser expulsado directamente.

Son recordos da nenez, como hoxe é esta lembranza da “Virxe de Fátima”, da que sempre houbo unha preciosa imaxe na igrexa de Santiago de Allariz, á que se lle rezaba e reza con gran devoción. Aínda que sigo lembrando que no meu “traballo” de monaguillo todo este “Mes de Maio a María Inmaculada” celebrábase na Igresa de San Estevo, cun altar cheo de fermosas frores e candeas como para iluminar todo o adro onde botabamos moitos partidos de fútbol, sobre todo cando eu vivía alí ao lado, na antiga Rúa Boán, onde estaba tamén a primeira escola á que asistín, a Escola dos Santos, comandada por Doña Encarnita que tiña toda a paciencia do mundo para aturar a aqueles “parvulitos” que empezabamos a ler e escribir. É curioso como a medida que nos facemos maiores lembramos perfectamente estas primeiras imaxes daquela feliz nenez á que eu sempre chamei “nenos da rúa”, no mellor sentido da palabra. Todo o día na escola, salvo a hora de xantar, para a partir das cinco da tarde merenda e a xogar sen parar ata a hora da cea, e tampouco saímos tan malos.

E a medida que medrabamos un chisco enfundabámonos naquelas sotanas e roquetes que nos sobraban sete tallas pero que axustabamos cos “cíngulos” para cantar a todo pulmón o de “Venid y vamos todos con flores a porfía, con flores a María que Madre nuestra es”.

Confeso que me sigue emocionando ver a inmensa cantidade de ourensáns que seguen acompañando á Virxe de Fátima cada noite como a de hoxe no seu procesionar desde o Santuario do Couto ata a Catedral, e a devoción con que o fan eses milleiros de persoas que asisten coa súa petición de favores ou milagres para os problemas que cada quen agocha no seu interior. Cando alguén se ve ao borde do precipicio busca axuda onde sea necesario, aínda que ás veces soamente nos acordemos de Santa Bárbara cando trona.

Permítanme sairme un chisco destas reflexións de carácter espiritual para lembrar tamén outra etapa da vida, naquela recén estreada democracia de finais dos 70, onde había manifestacións día sí e día tamén. Cando alguén chegaba eufórico dicindo que a convocatoria fora todo un éxito, a pregunta era sempre a mesma: “Pero ¿máis xente que Fátima?”, e a resposta tamén era sempre a mesma “Iso é imposible”.

Como imposible é que cada vez que veño ou vou a Vigo e paso pola autovía á altura do Seminario deixe de lembrar aquela imaxe da Virxe á que eu tanto lle rezaba no ano que alí estudiei, e para quen teño sempre un recordo cariñoso e algunha petición. Como dí un moi bo amigo meu de Allariz, eu crer non creo moito, pero San Benito é San Benito.

Por rematar estas verbas cun sorriso máis prosaico, tamén recordo que hai anos os rapaces máis novos aos que non lles deixaban trasnoitar, aproveitaban esta noite de Fátima para ter a excusa perfecta para sair e facer de todo menos acompañar á Virxe, xa se acompañaban entre eles.

Te puede interesar