Opinión

As cereixas

Ás veces o mellor pracer chega con algo tan sinxelo como poñerse a ver os Simpsons cun quilo de cereixas por toda compaña. Teñen estas bermellas amigas ese magnetismo soamente igualado por unha bolsa xigante de pipas salgadas, desas que che deixan a boca como se a enxaugases con auga de ortigas.

A maioría das froitas pódense conseguir máis ou menos ó longo de todo o ano, con ese mesmo insípido sabor a cámara frigorífica que as caracteriza, aínda que aparenten ser pura mel pola enganosa cor bermella que alguén lles debe pintar nos camións-trailer nos que percorren medio mundo; pero as cereixas son outra cousa, seguen recordando en cada carabuña aqueles atracóns a pé de cerdeira, coas gallas estragadas pola nosa torpeza e inconsciencia infantil, pendentes únicamente da sorpresiva aparición do dono da finca que nos facía botar a primeira carreiriña da tarde; xa que a segunda carreira sempre era cara o escusado, provocada pola inxestión descontrolada en plena canícula cando nin os pardaos se achegaban a picotear as máis maduras.

Nos tempos actuáis, o inicio desta marabillosa tempada de cereixas venme marcada polos carteis que a pé de carretera poñen os amigos portugueses nas fins de semana, provocando considerables atascos de matrículas españolas con ferventes adeptos ansiosos por degustar o producto máis afamado de Resende, un fermoso concello portugués bañado polo Douro e que nada ten que envexar ó Jerte español. O sabor dunhas e doutras soamente é comparable á inmensa beleza dun par de meses antes cando as cerdeiras saúdan á primavera coa engaiolante eclosión branca das súas flores; e deso tamén saben algo os amigos da parroquia viguesa de Beade que cada ano homenaxean a este producto do que esgotan rápidamente a súa producción autóctona tendo que botar man de milleiros de quilos chegados de terras extremeñas. Sen esquecerme de cando viaxo a Madrid polas terras de Ponferrada e Astorga, onde teño que sair necesariamente da autovía para render pleitesía á tamén saborosísima cereixa do Bierzo e de paso levarlle un cargamento a algúns amigos da capital que debecen por elas.

E dirán vostedes que habendo temas tan importantes dos que tratar como é que me deu polas benditas cereixas, pois porque acabo de darme un atracón delas e fixeron que me reconciliara co mundo, así de sinxelo, facéndome viaxar gratuitamente á algún día dalgún verán na forxa de meu pai en Vilaboa, pegada á finca familiar chea de pavieiras, mazairas e claudieiras, perezosas na súa maduración, o que facía que mirásemos relamidos cara a cerdeira da finca de enfrente, que evidentemente tiña dono, onde había miles de pequenas xoias bermellas agardando a que uns cantos mocosos fixeran a recolleita antes de que os paxaros desen boa conta dela.

E falando de recordos déixenme rematar esta pequena homenaxe ás cereixas lembrando ese tesouro en forma de tarro de cristal que toda nai tiña gardado baixo chave no fondo do 'mueble bar', eran aquelas guindas máis escollidas e conservadas no mellor dos augardentes caseiros, e que aquela xeración de nenos alimentados suplementariamente á base de ponches de ovo con viño 'sanson', que supostamente era ó indicado para a infancia xunto coa 'santa catalina' de 15º, catábamos de cando en vez, en canto a xefa se esquecía de gardar a chave. A verdade é que non nos pasou nada grave; lembrade que somos a xeración do 'Savin' con gaseosa.

Te puede interesar