Opinión

En campaña

Pois aquí está, esa campaña que comezou oficialmente esta pasada noite pero que dera a impresión de levar con nós varios meses ou anos; digamos que soamente varía que desde hoxe xa se pode empregar a palabra máxica 'vota'. E eu son dos que penso que sempre hai que votar, aínda que sexa en branco se alguén non ten moi claras as opcións ou o que quere é mandar unha mensaxe de aposta polo sistema democrático pero de rexeitamento dalgúns comportamentos da clase política.

Xa dixen en máis dunha ocasión que fai falta moito valor para ir nas listas electoráis coa que está caendo, porque estamos neses momentos nos que os cidadáns van mirar con lupa todo o que digan e fagan os seus representantes políticos; está en xogo o pan de moitas familias, e nesta ocasión o do pan non é un eufemismo, está empregado en toda a súa crueza. Xa non hai lugar para vagas promesas nin para arengas grandilocuentes na procura de estrondosas ovacións, é o momento da verdade, por moi crúa que sexa, de falarlle alto e claro a este pobo que non sabe de onde lle ven a bofetada diaria e o que é pior, que está perdendo toda esperanza de presente e de futuro.

Fálase novamente do pantasma da abstención, esa que en Países coma os Estados Unidos está asumidísima deixando que sexa unha minoría a que decida por todos os millóns de cidadáns; da credibilidade dos nosos políticos dependerá que iso non ocurra neste País; pero para iso terán que falarnos moito máis claro do que nos falan, terán que mollarse moito máis do que se mollan e recoñecer públicamente, uns e outros, que esta crise non a provocou o pobo llano, que non é verdade que todo isto chegara por querer vivir moi por enriba das nosas posibilidades, esquecendo que somos unha sociedade maioritariamente mileurista, e que viaxar á maioría dos Países europeos segue saíndonos por un ollo da cara. Alguén terá que dicirlle ás grandes empresas que se forraron durante os anos de bonanza que hai que botar unha man cando as cousas veñen mal dadas, e non soamente pedirlle o esforzo ós mesmos de sempre. Haberá que dicirlle ás grandes fortunas que cos cartos ó quente nos inexpugnables fornos suizos non hai maneira de sair a flote; pero tamén haberá que dicirlle ó resto que 'facenda somos todos' e non soamente os que cobran en nóminas oficiáis. Eu son dos que non me creo os cinco millóns de parados, aínda que a cifra real sexa igualmente indecente e tráxica, porque se iso fora certo teríase dado con toda seguridade unha auténtica revolta popular; xa vai sendo hora de que poñamos isto en orde e saquemos a relucir a economía sumerxida. Somos moitos os que temos a sensación de ser uns auténticos imbéciles paganinis mentres outros disfrutan gratuitamente do noso esforzo, permitíndose o luxo de despotricar contra todo.

Queremos escoitar que non se utilizará a crise global para retroceder nin o máis mínimo nos logros sociáis nin nas libertades cidadáns; non esquezamos nunca que os piores dictadores da historia chegaron ó poder en situacións similares utilizando desde o 'pola graza de deus' ata o 'polas clases populares'; uns e outros aproveitaron o descontento da poboación para facer dos seus países enormes campos de concentración de corpos e almas. Da moito medo que en situacións de crise profunda aparezan salvadores de patrias que aproveiten o momento para facer limpezas étnicas ou reconversións de conciencias. Por se alguén pensa que esaxero, botémoslle unha ollada á máis recente historia europea, sen ir máis lonxe.

Te puede interesar