Opinión

BRASIL DEVÓLVENOS A AFRONTA

Cóntanme que ó parecer no Brasil están endurecendo os requisitos para que os europeos, especialmente os españois, podan entrar no País, nunha clara resposta ós non poucos atrancos que en Barajas lle levan posto a todos os brasileiros que intentan entrar no noso. Así son as cousas, quen a ferro mata a ferro morre, e quen abusa da soberbia en tempos de vacas gordas está condenado a sufrir desprezo cando as vacas xa non dan máis leite.


De calquera maneira estou convencido de que o sangue non vai chegar ó río porque seguramente os Países sudamericanos volverán darnos esa lección de humanidade que a orgullosa Europa, que tanto copiou para o malo da rica Norteamérica, terá que volver a aprender. Algo así coma o reflictido na película 'El día de mañana', onde a todopoderosa U.S.A. vese arrasada por unha especie de nova glaciación exterminante, e os poucos que quedan vivos son acollidos polos sempre solidarios mexicanos, eses incómodos veciños do sur que con tanto desprezo son tratados cando queren traspasar a fronteira natural do río Bravo na percura dun mundo mellor.


Ata hai ben nada, parecía que os poucos males que existían na España que sacaba peito máis alá dos Pirineos eran os inmigrantes que ó parecer tanto baleiraban as arcas da nosa sanidade pública; os mesmos ós que empresarios sen escrúpulos pagaban soldos miserentos en condicións laboráis máis próximas á escravitude que ás de paises civilizados do chamado primeiro mundo. Non poucos destes negreiros tiveron a ousadía de botarlles en cara a indocumentación á hora de contratalos, esquecendo as condicións nas que moitos dos nosos devanceiros foran non hai tanto tempo ós Países deles. ¿Ou é que agora imos afirmar cínicamente que todos os galegos, familiares nosos, foron a Arxentina, Venezuela, Alemania ou Suiza con todos os papeis en regra?


Na primeira etapa do meu programa 'Acompáñenos' tiven a oportunidade de entrevistar a ducias de persoas maiores que pasaran media vida en Países coma os que acabo de nomear, e todos coincidían en estarlles inmensamente agradecidos polo trato recibido e polas oportunidades que lles brindaran. ¿Dirían o mesmo de nós todos os que chegaron aquí nas últimas décadas buscando un presente e un futuro para eles e para as familias que deixaban ó outro lado do charco?


Agora é Brasil quen nos pon colorados recordándonos ese complexo de novos ricos que nos saíu, e fainos pagar coa mesma moeda cando imos buscar alí o que aquí tanto escasea, traballo; e eso mesmo pode empezar a suceder en moitos outros países que teñen, ademáis de recursos, un ben preciadísimo do que nós comezamos a carecer, a xuventude. Vivimos nun País absolutamente envellecido onde chegará un momento, non moi lonxano, no que non haberá quen pague as pensións e as prestacións asistenciáis de todos os que agardamos chegar a vellos, porque a pouca xente nova que tiñamos estará en Berlín, Dubai ou Río de Xaneiro; e aqueles inmigrantes que chegaban de América, os nosos de toda a vida, xa non quererán saber nada desta terra ingrata que esquenceu demasiado cedo a súa historia; a dos ateigados barcos que saían cara Cuba ou Buenos Aires cheos de valeiras maletas de cartón, e sobre todo a historia da conquista a sangue e ferro dun fermoso Continente ó que lle debemos, entre outras cousas, pedir humildemente perdón para que cando celebren o día da 'Hispanidade', da 'Galeguidade' ou de 'Miss Venezuela' sintan que seguimos tendo o mesmo sangue correndo polas nosas veas.

Te puede interesar