Opinión

AZERBAIJAN

Non me negarán que entre outros logros do Festival de Eurovisión está o de situar a moitos Países no mapa mental de moitos de nós. Confésolles que hai uns anos, coa incorporación ó evento das nacións do Este de Europa, máis as xurdidas tras a terrible guerra dos Balcáns e a desmembración da antiga Unión Soviética, non tiven máis remedio que seguir as votacións cun 'atlas' ó meu carón para ver por onde andaban Moldavia ou Eslovenia. Deste xeito tamén nos enteramos de que Bakú está bañada polo Mar Caspio, que os seus veciños son iranianos e que a súa situación democrática e de respecto polos dereitos humáns deixa moito que desexar; pero isto por desgraza ocórrelle a máis dun País organizador de Olimpiadas ou de importantes competicións deportivas e automobilísticas, sendo poucas as voces institucionáis que din algo ó respecto, salvando a sempre potente voz de Amnistía Internacional e a de algún que outro ousado columnista que xoga o tipo mandando crónicas e contando a realidade pura e dura. Houbo incluso quen quixo facer das votacións eurovisivas un alegato reivindicativo pedindo, por exemplo, un castigo de puntos á canción israelí nos momentos máis duros do enfrontamento co Pobo Palestino; pero como ocorreu tantas outras veces, os telespectadores limitáronse a disfrutar do espectáculo deixando a política de lado, por moito que se diga que éste sempre foi un festival politizado. Eu diría que máis que politizado é un festival de proximidade, onde Francia e Portugal lle outorgan os doce puntos a España, como na edición anterior; os Países da antiga Iugoslavia vótanse entre sí, e os rumanos fan que as súas cancións leven ás máximas puntuacións do noso co seu masivo voto inmigrante, co factor engadido este ano de que Rumanía canta case toda a súa 'Mandinga' en castelán.


Eurovisión convertirase de novo no gran acontecemento audiovisual, onde se experimentan novas tecnoloxías e postas en escea, e onde moitos Países tratan de sentirse máis europeos cantando en inglés os temas creados por compositores suecos; de aí que eu sempre me decante por aqueles que seguen reivindicando o seu idioma e a súa cultura. Non podo comprender como Alemania non canta en alemán ou a trilingüe e xa descalificada Suiza non emprega ningún dos seus idiomas oficiáis, do mesmo xeito que botei de menos o ano pasado que a nosa Lucía Pérez cantase un cachiño da canción en galego.


Na presente edición, e ignorando o acontencido na segunda semifinal de onte xoves por estar escribindo isto con certa antelación, penso que Pastora Soler vai facer un dignísimo papel cunha canción que, aínda sen ser da miña devoción, vai permitir que a andaluza emocione a moitos espectadores cunha soberbia interpretación en directo, visto o visto nos ensaios previos. Contará co meu voto, xa que un bo grupo de amigos de Ourense e Vigo imos organizar unha cea 'neurovisiva' en Portugal , e desde alí poderemos votar a España, aínda que moites destes siareiros xa dean como feito o triunfo de Suecia. Eu non o teño tan claro, sobre todo recordando a edición anterior onde gañou unha canción que nos pasou totalmente desapercibida, e á que o xurado e televoto españois non lle deron ningún punto.


Pois mentres milleiros de afeccionados se preparan para que lles quede a cabeza en forma de pelota dentro dunhas semanas coa Eurocopa de fútbol, outros imos disfrutar con este Eurofestival co que no seu día aprendemos idiomas canturreando o de 'Royaume-Uni douze points' ou 'Spain twelve points'.


Te puede interesar