Opinión

Meter os cans na bouza

No Dicionario de fraseloloxía galega, tan dignísimo e meritorio, da autoría de Carme López Taboada e Mª Rosario Soto Arias (Xerais, 2008), ao chou (e ben pensado), seguindo as entradas,  boto en menos meter os cans na bouza. Hai, porén, neste calepino, a entrada Bouza, que as autoras recollen así: “Estar na bouza sen zocos nin zapatos. Atoparse nunha situación apurada, embarazosa (sic): Rían do Aimará porque non dominaba o protocolo  e ás veces daba a impresión de atoparse na bouza sen zocos nin zapatos”. 
Bouza/as no vello significado da palabra é un terreo a monte e matogueira (que sen levar de conta a proximidade do mar ricaz, como o vello Concello de Bouzas, hoxe Vigo, é palabra que vén de labregos, de xente que araba ou sachaba ou non, na terra. Entón, a bouza, digo, é sinonimia de ermo, de soedade, de abandono, de deixar pasar, de despreocupación, e mesmo de apurada situación como ben recollen Carme e Mª Rosario. A Bouza, en resumo: un baldío, un baleiro. Vexamos pois. Meter os cans na bouza (zona, lugar, terreo), é efectivamente, cando alguén entre outros ou outras nomea (querendo ou non nomear) a baraza na casa do aforcado - “nombrar la soga en  casa del ahorcado” –Quevedo, Mateo Alemán, etc.). Calquera dos meus colegas, sexan eles filólogos, lingüistas, lexicógrafos ou estudosos da lingua cos seus significados e significantes, non teñen dúbida diante da expresión do enunciado. Un, ás veces, cal sexa o lugar e o tempo inicia unha conversa, entre varias e varios, e diante de calquera oración subordinada ou non, todos enlean e polemizan; proseguen na tirapuxa ausente a causa e os causantes. Isto era para un das Cruces (hoxe Vila de Cruces) que foi e aínda é felizmente o meu amigo o significando máis que o significante de “meter os cans na bouza”, ou sexa, meter a xente en terra de ningures, baldeira, estéril, inútil. Moitos de vostedes terano comprobado nas tabernas e baiucas das cidades, aldeas e vilas da nación incesante que con tanto “ardor guerreiro” nega o nacionalismo español, os galegos colonizados, como adoitaba dicir o meu inesquecíbel amigo Manuel María. Nesta bouza que pinto e describo andan agora as sucursais españolas do PP e do PSOE aquí, e por que non, tamén o arribismo pseudonacionalista, mutatis mutandis, nas fileiras dos  próximos e sinceros militantes do BNG  cuxo voceiro nacional é agora meu admirado Xavier Vence. 
Na asociación de ideas que decote nos informa, sempre un discurso nos leva a outro, como un artigo ao seu correspondente, de maneira que –poñamos por caso- o recente libro de Pilar Urbano a propósito do 23-F, levou a Juan Luis Cebrián a escribir un regato de tinta para solicitar un encontro onde fique claro que o Rei de España non tiña nada que ver coaquela intentona fascista que afortunadamente fracasou. Medran as flores ventureiras neste abril recén estreado.

Te puede interesar