Opinión

Unidade

A unidade é signo de vida (a disgregación é signo de morte)  ¿Que sería dunha sociedade na que prevalece a división?  ¿Que sería dun partido dividido en distintos grupos?  ¿Que sería dunha familia na que cada un anda polo seu lado?  ¿Que sería dunha relixión dividida en faccións...?  A construcción do noso mundo e da nosa vida fundaméntase inevitablemente na comuñón de esforzos, na integración de actividades, na converxencia de obxectivos, na solidariedade en todo...
O lamentable espectáculo da división agroma inexorablemente nos distintos eidos do noso ambiente. Algúns chámanlle pluralismo, outros refúxianse no que entenden como autonomía persoal, e non falta quen acuda á riqueza da diversidade. Pero a división é máis ben froito de intereses máis egoistas e mesmo sinal de corrupción. Lamentablemente tamén isto se da na sociedade, nos grupos, nas igrexas, en tantas persoas.
Normalmente non recoñecemos con facilidade as nosas actitudes de división: sempre consideramos que é defecto e fallo dos demais, ou resultado de forzas ocultas e malignas, ou producto interesado dos adversarios poderosos. ¿Non influirá tamén unha cultura de marcado individualismo?  Nunca se falou tanto de comunidade e dificilmente atopamos unha época histórica con tantas presións individualistas: admitimos con facilidade que o que cada un ten que facer é o que a él lle parece, que o supremo principio de acción é a conciencia individual. Logo resulta que todos teñen que encartarse ós dictados dos “líderes”...
Dixemos, e dicimos, que a unión fai a forza. Pero entendemos que isto pode ser unha boa estratexia. Eu considero que o ser humano é un ser dende os demais e para os demais: constitutivamente, somos cos demais. E tal é tamén o camiño da nosa felicidade real e verdadeira, plena.

Te puede interesar