Opinión

Reis

Din os nosos mellores dicionarios da lingua que Día de Reis significa a festa que conmemora a adoración de Xesús polos “Reis Magos”. Tamén se aplica aos regalos que se fan con motivo desta conmemoración. E algúns determinaron que prevaleza este último sentido, de tal maneira que se vai esquecendo o sentido relixioso orixinal. Vaise perdendo sobre todo a significación teolóxica que recorda a manifestación do Salvador a todos os homes, máis alá das fronteiras de Israel. Na práctica, isto recórdase unicamente nas igrexas.
A dos Reis Magos é unha festa simpática e custosa, alegre e superficial, buliciosa e malgastadora, xuvenil e nostálxica, comercial e familiar, fantasiosa e materialista, frustrante eilusionante... Loitamos por resucitar o neno que se esconde no noso interior e sacódennos as nosas dobreces. Recoñecemos o valor inapreciable da infancia e atórdannos as limitacións dos nosos cálculos. Repartimos xenerosidades e afloran os nosos raquitismos. Enchemos de luces as nosas rúas e mantemos oscuridades no noso interior. Cantamos asglorias do sinxelo e deixámonos invadir polo rebuscado. Procuramos agradar e véñensenos enriba resentimentos sen conto. Necesitamos indispensablemente a verdade e transiximos coa mentira institucionalizada...
Por que non asumimos os riscos dunha transparencia sen limitacións interesadas? Por que non acollemos a chamada dunha sinceridade máis comprometida? Dende a magnanimidade poderemos construír un mundo enriquecido con abundancias verdadeiras. Dende a xenerosidade poderemos lograr un futuro máis humano. Dende a elevación de espírito poderemos festexar as elegancias dos ben nacidos. Dende a grandeza de alma poderemos alegrarnos cos beneficios dunha sociedade fecundamente distendida. Dende a nobreza formaremos parte dunha humanidade engrandecida. Felices Reis!

Te puede interesar