Opinión

A regra dos catro 30

Escoitei esoutro día na sección do tempo dun informativo televisivo de mediodía -creo que ó fío do grave incendio acontecido na illa da Palma- que a auténtica vaga de lumes acontecía cando se cumpre unha regra tripartita que ten que ver cunhas condicións climáticas e de humidade determinadas.
Dis que cando se dan máis de 30 graos de temperatura ambiente, menos do 30% de humidade relativa e máis de 30 quilómetros por hora de vento, entón hai que botarse a tremer porque calquera pequena chispa, calquera cu de vaso mal colocado, calquera colilla dun cigarro mal apagado acaba converténdose nunha traxedia natural de órdago.
A regra dos tres trinta seica lle chaman os especialistas e que ven a ser para os incendios algo así como a aliñación dos buratos dun queixo en todo canto arrodea a un voo dun avión para que se desencadee tamén a traxedia.
É certo tamén que logo ten que se dar, ademais, unha abondosa masa forestal medio seca e que ninguén pase polo lugar no momento no que o incendio non é máis ca unha simple labaradiña que se apaga con dúas pisadas e unha pouca terra por riba.
Pois ben, de todo isto se dá estes días de calores absolutos nalgúns lugares de Galicia costeira, ademais de no noso tan maltratado -tamén- país veciño, ademais de neste caso na illa de Madeira onde non me estrañaría que anden a lembrar os lumes que noutrora devastaron unha grande parte do seu fermoso Chiado.
De todos modos, por máis que esa regra sexa certa, a min, ademais, fáltame outro 30 elemental ó que ninguén fai referencia e que resulta vital para entender, non xa por qué son provocados tantos incendios no verán, senón por qué estes incendios antes soamente afectaban ós montes -e xa era bastante- e agora, sen embargo, por moi pequenos que sexan acaban ameazando gravemente a moitas vivendas ou urbanizacións qeu se espallan por aquí e por acolá.
Isto é, os 30 anos que levan pasado sen que dende as administracións -todas- non se teña deseñado, planificado e executado unha política forestal que todos sabemos cómo se debe levar a cabo e que, sen embargo, aínda ninguén foi quen de executar.
Cando Europa decidiu -coa nosa connivencia- que as vacas de Galicia e do Norte de Portugal deberían emigrar para as grandes explotacións francesas ou dos países baixos e que a fruticultural e a agricultura en xeral debería desaparecer das nosas vidas para transformarnos en habitantes inertes dun inmenso parque natural comezaron a condenarnos a isto e hoxe, 30 e pico anos despois, non somos máis ca víctimas propicias daquelas decisións que nalgún momento deberemos esixir que sexan corrixidas.

Te puede interesar