Opinión

Contra o patrioterismo dos berros

Escribiu Mark Twain que “o patriotismo adoita ser o refuxio do canalla. É o home que máis berra”. Eu estaría completamente de acordo con el se, en troques de ter escrito patriotismo, tivese optado por escribir patrioterismo. Quero dicir que non me da medo o patriotismo, só faltaría. Quen mo da é o patrioterismo; é dicir, esa especie de militancia, normalmente expresada a berros ou, cando menos, en voz alta e case que sempre atronadora, carente de argumentos, pródiga en sentimentos e principios, preñada de conviccións e desprovista de piedade. Dáme o mesmo que se trate dun patrioterismo español que dun patrioterismo galego, pois dos dous hai e os dous adoito nos aflixen.
Quere isto dicir que un patriota español non me molesta. Faltaría máis. Razón esta pola que se comprendera que un patriota galego tampouco non me moleste nada; ben polo contrario, goréntame moito e sospeito que non sexan dous patriotismos contrapostos. 
Non deixará de haber quen, en contra desta miña opinión, argumente que Galicia non é unha nación. Aceptarei que Galicia non é unha nación política. Pero agardo que non se me negue que é unha nación cultural. ¿Poderá o patrioterismo español reinante aceptar que España sexa unha nación política, pero non unha nación cultural senón o berce de varias culturas distintas, de varios xeitos de ocupar o mundo, de habitalo e entendelo, celebralo e sufrilo, desfrutalo e penalo, explicalo e aceptalo? Un patriota español deberá amar e aceptar as outras e máis distintas culturas da hexemónica e diriamos que común. Só un patrioteiro, dos moitos que cada vez deixan ver moito máis as orellas, alzará a voz e ditaminará sentenzas coa frecuencia que acostuma. Ven todo isto a colación por conta dun WhastApp que me envían unha boa e ilustrada dama, por un lado, e un bo e benquerido amigo pola outra. Nel vese a un xuíz talibán ditando sentenza cunha seguridade que estremece e sen se cortar un pelo. Aínda non hai un século no que concidadáns nosos, dun lado e doutro do espello nacional, ditaron sentenzas equiparables as do xuíz este do WhatsApp. Fixérono uns en nome de Deus, outros en nome propio ou de Deus sabe quen, duns principios, dunha ideoloxía entendida e expresada relixiosamente.
Non vale só con se indignar, con se manifestar en contra deles se esa indignación impide recordar que nós fomos así non hai aínda moito e podemos volver selo en calquera outro momento dos moitos que lle agardan á nosa sociedade no caso de volver caer na intransixencia dos patrioteiros, nas mans dos fanáticos e oportunistas, dos intolerantes e dogmáticos, que poden chegar a matar no nome de Deus ou no de calquera profeta laico que se lle poña a tiro da súa pouca capacidade intelectual. Están sucedendo moitas cousas ó noso redor e non podemos, nin debemos, pechar os ollos ante elas; millor non ser transixentes cos intolerantes, desde xa.

Te puede interesar