Jenaro de la Fuente, nova entrada no Álbum de Galicia

A Casa Labarta e a Casa Ledo, en Porta do Sol, 12 e 11, son un escaparate asinado por De la Fuente.
photo_camera A Casa Labarta e a Casa Ledo, en Porta do Sol, 12 e 11, son un escaparate asinado por De la Fuente.
O Consello da Cultura Galega inclúe no seu catálogo dixital ao arquitecto e pai de arquitectos, autor da fisionomía viguesa

Xosé Ramón Fandiño presenta a Jenaro de la Fuente Domínguez (Valladolid, 1851-Vigo, 1922) , director facultativo das obras municipais como “o definidor da nova fisionomía arquitectónica de Vigo”. Así comeza a nova entrada do Álbum de Galicia, do Consello Galego de Galicia, adicado ao arquitecto, nado en Castela, pero que estivo moi vencellado o medramento urbanístico vigués. Foi pai do tamén arquitecto vigués Jenaro de la Fuente Álvarez. Fandiño comenta como “ao pouco de instalarse en Vigo, Jenaro de la Fuente construíu a súa residencia no Castro (aínda en pé na rúa Romil), nunha casa desde a que divisaba toda a ría, cos seus fermosísimos solpores e cunhas impresionantes treboadas nocturnas, con lóstregos que caían sobre o mar, iluminando de súpeto toda a paisaxe. ‘Casa e contorno que estrañarei toda a vida, pois para min era o auténtico paraíso’, en palabras da súa neta a pintora María Victoria de la Fuente”.

Xunto á actividade arquitectónica, por mor das súas grandes condicións para o debuxo, en 1877 exerceu como profesor na sociedade Liceo de Vigo, nunha academia que abriu co pintor Ramón Buch, e na escola de Artes e Oficios na que foi profesor de Debuxo Aplicado á Ornamentación, Modelado e Baleirado. Como técnico municipal interveu, no mercado do Progreso, nos pedestais dos monumentos de Casto Méndez Núñez e Xosé Elduayen e nas obras do cemiterio de Pereiró no que, ao falecer o 21 de agosto de 1922, foi enterrado no panteón familiar por el deseñado.

A súa pegada na edificación da cidade vén caracterizado polo eclecticismo, unha tendencia que mestura elementos de diferentes estilos e épocas da historia da arte e da arquitectura. Este movemento naceu en Francia e estendeuse por toda Europa, Rusia e Estados Unidos dende 1860 a 1920.

A primeira grande obra ecléctica de la Fuente en Vigo é o edificio coñecido como Casas de Manuel Barcenas Franco da rúa Policarpo Sanz 24 e 26, esquina Velázquez Moreno 20, actual sede de Afundación, construída entre 1879 e 1884. Outros exemplos son a casa de Nemesio Sobrino Portela (1878), rúa Príncipe 7, esquina con Velázquez Moreno; o edificio Laforet, rúa Colón con Uruguai; edificio de Inocencio Carrasco (1886) na rúa Urzaiz, esquina con Manuel Núñez; casa de Francisco Sitjá (1886) na rúa Velázquez Moreno 10, esquina con Marqués de Valladares.

O 8 de setembro de 1883 asinou os planos da casa para Bernardo Rodríguez (rúa Colón, 42 e esquina coa rúa Príncipe, 63). Cinco anos despois iniciou as obras do Hotel Universal das rúas Carral, Montero Ríos e García Olloqui. En 1889 firmou o proxecto da casa para Pedro Román (entre Xoaquín Yáñez e Fermín Penzol).  En 1892 proxectou o edificio de Ramón Arbós (nº 4 de Elduayen), elegante casa de signo ecléctico. Tamén proxectou en 1893 o edificio de Marcelino Ferrer Yáñez (Elduayen, 30) e a casa Ledo (Porta do Sol, 12). Na esquina con II República estaba a coñecida como “Vila de París”. En 1911 a casa, entre las dos anteriores, para Eduardo Pardo Labarta (Porta do Sol, 11), un edificio de 5 plantas e 3 fachadas, que predominando o estilo ecléctico mostra elementos modernistas. Completan o seu legado a casa de Augusto Álvarez Granada (1894); o edificio López de Neira (1898); a casa de Prudencio Nandín (Alameda 13 e 14). E tamén o edificio Bonín (Arenal 40).

Te puede interesar