A 'Revoluçao dos Cravos', vista por un protagonista chega a Nigrán

O alcalde de Nigrán con Bernardino Crego e Daniel Lago, do Centro Portugués de Vigo.
photo_camera O alcalde de Nigrán con Bernardino Crego e Daniel Lago, do Centro Portugués de Vigo.

Chega a Nigrán Manuel Durán Clemente, voceiro do Movemento das Forças Armadas (MFA) que derrubou a ditadura 

O Concello de Nigrán conmemorará o 30 de abril a partir das 20 horas no Auditorio Municipal os 50 anos da 'Revoluçao dos Cravos' coa presenza do coronel Manuel Durán Clemente, voceiro do Movemento das Forças Armadas (MFA) que derrubou a ditadura vixente durante 48 anos en Portugal. El será o gran protagonista dunha xornada organizada polo Concello de Nigrán xunto ao Centro Portugués de Vigo e a Asociación Impulsora Casa da Lusofonía, representadas ambas por Bernardino Crego Cervantes, quen participará tamén na mesa redonda xunto ao alcalde de Nigrán e historiador, Juan González.

"O Concello de Nigrán celebra cada ano unhas xornadas de recuperación da nosa memoria histórica e este ano non nos podíamos esquecer do país veciño, do aniversario dun acontecemento único na humanidade que transformou o país luso dunha dictadura a unha democracia sen ningún derramamento de sangue e grazas ao seu exército. É unha data senlleira, un canto á paz e a liberdade, polo que o 25 de abril merece ser celebrado e recordado máis que nunca nestes intres tan convulsos na política mundial", sinala o rexedor.

Finalmente, tras a mesa redonda, a 'Coral Riomao do Calvario' (Vigo) interpretará en directo o histórico 'Grandola Vila Morena', canción de Zeca Alfonso escollida polo MFA como sinal do inicio da Revolución dos Caraveis en Portugal. O tema fai referencia á fraternidade entre as persoas de Grândola, no Alentejo, e fora prohibida polo réxime salazarista como unha música do partido comunista.

Na madrugada do 25 de abril de 1974 foi retransmitida na Rádio Renascença, a emisora católica portuguesa, como confirmación do inicio da revolución. Esta canción converteuse nun símbolo da revolución e da democracia en Portugal. Ademais da ponencia de Manuel Durán Clemente, este día inaugúrase tamén no Auditorio Municipal a exposición pictórica 'Rostos das Palavras de Abril', do artista portugués Henrique Gabriel (Vila Cova de Alva, Arganil, 12 de maio de 1960 - Lisboa, 11 de setembro de 2023).

Esta mostra rende homenaxe aos máximos representantes da canción protesta contra a ditadura de Salazar, encabezados por Zeca Afonso pero con outros cantautores máis descoñecidos como poden ser Carlos Paredes, Manuel Alegre ou Fausto.

Te puede interesar