A UVigo reduce un 26% a súa pegada de carbono en apenas cinco anos

Vista aérea do campus de Vigo, onde se pode observar algunhas das instalacións fotovoltaicas despregadas .
photo_camera Vista aérea do campus de Vigo, onde se pode observar algunhas das instalacións fotovoltaicas despregadas .

Houbo avances importantes no despregue tanto da enerxía fotovoltaica, como de biomasa e xeotermia

Desde 2018 a 2022 a Universidade de Vigo reducíu nun 26% a súa pegada de carbono. Así se reflicte nos datos sobre os consumos de enerxía e pegada ecolóxica que a institución acaba de facer públicos a través do seu Portal de Transparencia -apartado Medio Ambiente-. “O informe recolle múltiples cifras coas que se demostra que o traballo que vén realizando a UVigo en ámbitos como a eficiencia enerxética, o despregamento de enerxía renovable, a reciclaxe, a biodiversidade, etc. produce resultados significativos en poucos anos”, explica Jacobo Porteiro, adxunto ao reitor para sostibilidade, quen quere pór en valor o traballo realizado “desde sempre” pola Oficina de Medio Ambiente, OMA, dirixida na actualidade pola profesora Delfina Couce, e que se intensificou desde 2018 coa chegada á Reitoría do equipo dirixido por Manuel Reigosa.

Segundo o informe publicado, en só cinco anos a UVigo despregou máis de 1000kW de enerxía fotovoltaica (“e temos en marcha a instalación de 600kW máis”), redes de calor baseadas en biomasa (campus de Pontevedra) e en xeotermia (campus de Ourense) e estendeuse o uso de iluminación LED. “A isto hai que engadir as medidas de aforro enerxético que se implantaron en outubro de 2022 e que permitiron reducir significativamente a factura enerxética e a nosa pegada de carbono”, recalca Porteiro, insistindo na idea de que “precisamente” estas medidas confirmaron que o aforro de enerxía e a sustentabilidade é un proxecto colectivo que require da implicación de toda a comunidade. “Demostrouse que  Vigo é unha universidade comprometida colectivamente coa sustentabilidade”, salienta Porteiro, para quen estes resultados “son, por unha banda, unha excelente noticia e serven ademais como motivación para continuar nesta liña”.

Todas as medidas están englobadas no denominado Plan de sostibilidade da Universidade de Vigo, Plan SUVI. “Estamos falando dun movemento de diñeiro de máis de 5 millóns de euros, dos que aproximadamente o 70% -arredor de 3,6 millóns-, se conseguiron a través de fondos achegados pola Xunta de Galicia, sobre todo da Consellería de Economía, Industria e Innovación e do Instituto Enerxético de Galicia, Inega”, explica o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez Tabarés, quen agradeceu especialmente o apoio recibido por parte do anterior conselleiro de Economía, Francisco Conde,  “pois sen el non teriamos sido quen de chegar a estes niveis, unha boa sintonía que se mantén co novo equipo da consellería”.

Míguez lamenta, pola contra, os “atrancos” que están a atopar no Goberno central “xa que as licitacións que poden saír adiante tópanse co famoso CoFFEE-MMR e o Minerva, o que supón que todo o financiamento que se consegue acabe no que se coñece como un colo de botella, sobre todo nestes último ano”, salientou o vicerreitor, en referencia ao sistema de información  de xestión do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (CoFFEE-MMR) e o Sistema de Análise de Riscos de Conflitos de Interese (Minerva), unha ferramenta informática para a análise de risco de conflito de interese que Axencia Tributaria pon a disposición de todas as entidades decisorias, executoras e instrumentais participantes neste Plan de Recuperación.

O plan SUVI (Plan de Sostibilidade da Universidade de Vigo) engloba unha serie de medidas para reducir a pegada enerxética da institución, como indican Delfina Couce, José Luis Míguez e Jacobo Porteiro.
O plan SUVI (Plan de Sostibilidade da Universidade de Vigo) engloba unha serie de medidas para reducir a pegada enerxética da institución, como indican Delfina Couce, José Luis Míguez e Jacobo Porteiro.

No relativo á electricidade pasouse dun consumo de 15,2 millóns de kWh no 2018 a un de 13,1 millóns de kWh no 2022, o que supón unha redución de 2 millóns de kWh ou, o que é o mesmo, o 13,7%. “Esta redución, tanto de consumo como de emisións, débese principalmente a dous motivos, a aposta polas medidas de eficiencia e aforro e o despregue de numerosas instalacións fotovoltaicas nos tres campus”, explica o adxunto o reitor para sostibilidade, quen tamén recalca que a produción de enerxía eléctrica renovable por parte da UVigo pasou de ser nula no 2018 aos 977 mil kWh en 2022.

En canto ao consumo de combustibles -gas natural e gasóleo C-, produciuse un importante desprazamento do gasóleo C por gas natural, bombas de calor e biomasa como principais medidas para a descarbonización. Isto supuxo que fronte aos 600.000 litros de gasóleo que se compraron no 2018, no 2022 compráronse 180.000 litros, un 70% menos. “Grazas a estas medidas de aforro as emisións asociadas ao consumo de combustibles para calefacción reducíronse un 26% respecto do 2018”, salienta Porteiro. Polo que respecta á pegada ecolóxica estimouse unha cifra equivalente a 0.88 toneladas de CO2 por usuario da Universidade en 2022 fronte ás 1,19 toneladas por persoa do ano 2018, o que representa unha redución do 26%. “Tras a recuperación da plena actividade tras a Covid no 2021 obtívose unha pegada equivalente de 0.93 tonelada/persoa. Polo tanto, nun só ano reduciuse a pegada nun 5.4%”.

A medio prazo o obxectivo é continuar na senda cara á sostibilidade con novas instalacións fotovoltaicas de autoconsumo para diferentes edificios do campus de Vigo  e do campus de Ourense. Na mesma liña, planificáronse as instalacións fotovoltaicas de autoconsumo para a Escola de Enxeñaría Forestal (Pontevedra), a Facultade de Dereito (Ourense) e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (Vigo).

Te puede interesar