A UVigo conmemora o Día da Muller e da Nena na ciencia

Tres Nobel: Elinor Ostrom (2009, EEUU), a francesa Esther Duflo (2019) e  Claudia Goldin (2023).
photo_camera Tres Nobel: Elinor Ostrom (2009, EEUU), a francesa Esther Duflo (2019) e Claudia Goldin (2023).

O 16 de febreiro celebrarase a feira científica e divulgativa eXXperimenta en feminino no campus de Ourense

A Universidade de Vigo dedicará o mes de febreiro a dar visibilidade ao traballo das súas investigadoras e científicas e a fomentar as vocacións entre as xeracións máis novas e farao no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na ciencia, que se celebra o 11 de febreiro en todo o mundo. A institución viguesa deseñou un amplo programa de actividades como obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames, que permitirán dar a coñecer a ciencia que se está a levar a cabo dentro da UVigo e achegar referentes femininos no campo da I+D. As diferentes propostas están impulsadas principalmente polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, as facultades e escolas da UVigo, así como pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), en colaboración coa FECYT, e a Unidade de Igualdade.

eXXperimenta en Feminino

O venres 16 de febreiro o campus de Ourense acollerá unha nova edición, a sétima, da feira científica e divulgativa eXXperimenta en Feminino. A iniciativa une un amplo colectivo de persoal investigador da Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Universitaria de Enfermaría co obxectivo de visibilizar o papel da muller no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) e atraer vocacións científicas a el, principalmente entre as nenas e rapazas. A feira desenvolverase de 10.00 a 18.00 h no edificio Politécnico do campus e na súa contorna. Haberá 14 postos con actividades científicas de carácter visual e manipulativo nas que se expón a investigación realizada nas diferentes áreas CTEM do campus. En cada mesa farase, con liderado de mulleres, un ou varios experimentos coa participación do alumnado asistente. Pola mañá participarán máis de 300 estudantes de 5º e 6º de Primaria, ESO e 1º de Bacharelato procedentes de oito centros da provincia de Ourense e arredores. Xa pola tarde, a partir das 15.00 h, a feira estará aberta ao público en xeral que se queira achegar ao campus.

VIII Concurso escolar de creación artística

Tamén no campus de Ourense, a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática convocaron unha nova edición do Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Esta iniciativa está aberta a alumnado de terceiro a sexto de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria de centros educativos ourensáns. A finalidade da proposta, que conta co apoio da Unidade de Igualdade, é a promoción do coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e dar visibilidade ás súas achegas á sociedade. Nesta edición, as persoas gañadoras foron 12 rapazas e rapaces de cinco centros educativos da provincia.

Mulleres Nobel en Economía

Para conmemorar esta celebración, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, tamén colocou un roller para poñer en valor ás mulleres que obtiveron o premio Nobel en Economía. Dos 93 investigadores que recibiron este galardón, soamente tres son mulleres: a estadounidense Elinor Ostrom (2009), a francesa Esther Duflo (2019) e a estadounidense Claudia Goldin (2023). A colocación realizouse o venres 9 de febreiro na entrada do edificio e estará durante varias semanas no centro.

Charlas en centros educativos de toda Galicia

A programación do 11F inclúe tamén unha serie de charlas e relatorios que preto de 60 investigadoras da Universidade de Vigo impartirán ao longo da primeira quincena do mes de febreiro en centros educativos de toda Galicia. En total, levaranse a cabo máis de medio cento de charlas e obradoiros presenciais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas enmárcanse na Iniciativa 11 de febreiro, que se organiza no ámbito nacional con motivo desta efeméride, e contan co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación na súa xestión.

Cámara aberta de Cintecx ás mulleres STEM

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, tamén se une a esta efeméride e convida a investigadoras e estudantes do ámbito STEM a contar a súa experiencia nunha ‘Cámara Aberta’, un espazo no que poderán relatar as súas vivencias, tanto da súa etapa escolar como da carreira científica-tecnolóxica. Estas experiencias serán difundidas en formato vídeo co obxectivo de que poidan contribuír a fomentar as vocacións científicas femininas entre as estudantes de secundaria e bacharelato. O evento levarase a cabo do 14 ao 16 de febreiro de 9.00 a 15.00 horas no propio centro.

Conectando en igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico

Pola súa banda, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, tamén se suma á celebración co ciclo Conectando en igualdade, que se centrará na intelixencia artificial e contará coa participación de varias mulleres expertas neste eido que abordarán cuestións relacionadas coa igualdade. Esta actividade, que conta co apoio da Unidade de Igualdade, terá lugar o xoves 22 de febreiro de 11.00 a 13.30 horas na sala 1 do edificio Miralles e tamén se poderá seguir en directo a través de UVigo-TV. 

Entrega dos premios GirlGeekPower e Marie Tharp

Coincidindo coa celebración do 11F nas próximas semanas entregaranse os premios GirlGeekPower, impulsados pola Cátedra Feminismo 4.0 DEPO-UVigo, que recoñecen alumnas destacadas do ámbito das STEM na Universidade de Vigo como unha forma de incentivar, apoiar e fomentar este tipo de estudos entre as mozas e comprende un primeiro premio e un accésit por cada unha das dúas categorías (Ciencias e Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura). A data de entrega está por confirmar. 

No que atinxe aos Premios Marie Tharp, creados polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), están dirixidos a mulleres investigadoras predoutorais e postdoutorais do centro que quixesen contar o seu traballo nunha peza audiovisual dun minuto de duración. As gañadoras desta segunda edición foron Sara Comesaña e Estefanía Pereira. O acto de entrega dos premios realizouse o xoves 8 de febreiro no novo salón de graos da Facultade de Ciencias do Mar da UVigo.

Elas Fan CienTec

A actividade central no campus de Vigo foi o programa de obradoiros Elas Fan CienTec, que celebrou á súa oitava edición e tivo lugar o xoves 8 de febreiro. A súa finalidade é espertar entre as nenas e mozas o interese pola ciencia e a tecnoloxía e xerar vocacións de futuro para así reverter a escasa presenza de mulleres nas carreiras STEM. Este programa, organizado por docentes e investigadoras da Universidade, conta co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade da UVigo. Ao longo da xornada, 226 estudantes de institutos de Vigo e Mos participaron en 24 obradoiros que organizaron docentes e investigadoras do CINBIO.

Te puede interesar