Opinión

Ruídos tranquilizadores

Hai recordos da infancia que non se borran por moitos anos que a vida nos deixe pelexar. Un deses está ligado ás tardes de tormenta onde os pararraios das Clarisas engulían todo canto lóstrego se achegaba ás terras alaricanas, producíndonos un arrepío que nos deixaba mudos. E recordo especialmente aquel silencio de bisbeos a Santa Bárbara naquela eterna media hora sen radio, sen televisión e sen luz; desexando poder escoitar algún ruído cotiá que nos indicase que non estabamos sós, fora éste o dunha máquina de coser accionada a pedal ou foran os tres pitidos cos que Luis o carteiro nos facía saber que había correspondencia para o terceiro piso. En definitiva, nos momentos de medo e incertidume o único que desexabamos era sentírmonos acompañados ou protexidos polos nosos.

Pois algo así está sucedendo nestes tempos de desacougo e incerteza, nos que a tormenta que temos enriba ten toda a pinta de durar bastante máis que ese novenario que dicían os vellos que duraban; tormenta que para algúns aínda é soamente un ruído lonxano amortiguado polas prestacións de desemprego e a pensión do avó, e que para outros xa se convertíu nun lóstrego ininterrumpido que ben parecera ter dado de cheo no transformador deixando a escuras casas e establecementos. E parece como se moita xente estivera buscando aquel ruído que eu buscaba na miña nenez, o ruído que indicaba que había alguén aí no medio da tempestade. Persoas que hai á penas un par de anos nunca tiñan tempo nin para coller o teléfono móbil, agora collen o fixo, que é gratuito, e botan longas palicadas para sentir que non son os únicos ós que o pantasma do desemprego se lles apareceu en corpo e alma. Debe ser o único positivo que trouxo esta crise pola que estamos pasando e á que non se lle ven visos de moita solución; o aproveitar as interminables horas de obrigatoria folganza para dedicarllas a quen máis precisa de compaña, a ese amigo que ten que volver á casa dos pais por non dar pagado un aluguer e moito menos unha hipoteca; a esa amiga que che ensina unha enorme cicatriz onde antes había un peito e coa que botas longas camiñatas e parrafadas; a ese veciño que segue abrindo cada día o seu negocio sen saber como vai pagar os asfixiantes recibos da luz e do gasóleo. Todos eles, mentres o negro nubarrón segue enriba das súas cabezas, agradecen con toda seguridade escoitar aquel ruído tranquilizador en forma de palabra amiga, que lles recorda que hai alguén aí fóra e que, aínda que o precioso anuncio do “Malo serᔠtarde algo máis da conta en facerse realidade, nesta terra tense saído de situacións bastante piores.

Xa queda soamente que quenes governan ou aspiran a governarnos se enteren dunha vez do mal que o está pasando a parroquia, á que hai que falarlle, con pinganillo ou sen él, de xeito claro e veraz; sobre todo a ese 43% da xuventude desencantada que está no paro e que comeza a mirar cara Alemaña como no seu día xa tiveran que mirar os seus avós.

As recentes eleccións no País veciño deixaron á metade dos portugueses na casa completamente escépticos e aburridos; tomemos nota a este lado da Raia non vaia ser que con tanta desidia e tanto falabarato comecemos a destruir o que tanto costou facer, permitindo que calquer bocazas berlusconiano de turno consiga engaiolar a toda unha poboación farta de insultos, de mentiras e de corruptelas; farta de agardar en soedade a que escampe, sen escoitar sequera algún ruído familiar e tranquilizador no medio de tanta treboada.

Te puede interesar