Opinión

Talibáns: novo perigo mundial

Hai unha semana escribía encol deste mesmo tema, e dicía que eran varios os escenarios futuros pra Afganistán. Argumentaba a complexidade da situación na orde mundial, as transformacións que sufriu nestes vinte anos a sociedade afgá, especialmente o medre de Cabul, e que aínda tendo gañado a guerra os talibán, pola retirada sen condicións de Estados Unidos e seus aliados, deixándolle boa parte do armamento, e ter o control da maior parte do país, era máis un triunfo simbólico que consecuencia dun apoio non maioritario da povoación. A rapidez coa ques e fixeron co control debese a méritos propios porén tamén aos acordos con caudillos locais. 

A estratexia por parte de Washington foi buscar algún tipo de pacto cos talibáns, e todo indica que a seguirá sendo. Así o suxire a viaxe do director da CIA hai uns días aceptando a retirada de todas as tropas o 31 de agosto, malia a esixencia dalgúns aliados de adiala a fin de poder resgatar a un maior número de colaboradores. Este acordo co ate hai uns días o “inimigo” tería que garantir como mínimo, pra que Estados Unidos poda vendelo no “mundo occidental”, que as mulleres podan acceder ao ensino e traballo, un governo que inclúa outras tendencias, e non privilexiar nas relacións o eixo Rusia-China-Iran. Pra acadar este obxectivo conta co control dos organismos e a prensa internacional, a imposición de sancións e bloqueo de fondos. Estes serian medios tan ou máis efectivos hoxe como a ocupación militar, ademais sempre podería realizar ataques tendo en conta as bases de Catar e Diego García. 

Todo reflicte que esta é a nova folla de ruta de Estados Unidos e polo tanto da OTAN, digan o que digan as nacións europeas e outros aliados. Agora ben, a primeira fase desta andaina xa hai días que se comezou a desenvolver. Concretamente poñendo o foco na evacuación dos civís que colaboraron coas tropas de ocupación, ou sexa na acción humanitaria das potencias occidentais e aliados, deixando nun segundo plano o fracaso de vinte anos de ocupación e como se realizou a retirada, non só polo precipitada, senón porque deixaba atrás moito armamento así como a afgás comprometidos coas forzas de ocupación. Daquela que se acepten erros, non podía ser doutro xeito, mais que se obvie o alto grao de pobreza existente, que a produción de opio multiplicouse, que había unha altisima taxa de corrupción ligada ás axudas e investimentos exteriores, e que na maior parte do país as medidas de igualdade respecto á muller eran inexistentes. 

A propaganda sobre o desenvolvemento da economía e aos sectores sociais precarios, ao abeiro das armas occidentais, eran máis unha película de ciencia ficción que unha realidade pra inmensa maioría do povo, dando folgos aos talibán e outros grupos armados xihidistas. O fracaso en Afganistán tanto nos contidos como nos métodos da globalización neoliberal, que é consubstancial coa centralización e concentración da riqueza e do poder, é a principal conclusión da derrota das potencias occidentais. Máxime cando é unha tendencia que se reproduce en todo o mundo e se agudiza naqueles países cun papel subalterno na cadea de valor. Este fracaso produto da cobiza e corrupción é consubstancial co modelo, e ten unha maior dimensión que os erros militares; e non se soluciona cun cambio de estratexia neste último ámbito, especialmente cando se analiza todo como unha confrontación entre bloques. 

Non existe evidencia de que Rusia, China e Iran vaian saír fortalecidos, aínda que o fracaso de occidente debería implicar un avance do mundo multipolar e algúns cambios nos métodos imperialistas. Só iso. Ademais, en principio, o control de Afganistán polo talibáns aumenta o perigo de atentados e inestabilidade mundial (se cadra agás pras monarquías árabes e Paquistán).

Te puede interesar