Opinión

Sáhara: unha decisión inxusta e inoportuna

O último governo da ditadura franquista entregou o territorio do Sáhara Occidental a Marrocos e Mauritania. Máis o 28 de novembro de 1975 a Asemblea Xeral da ONU desautorizou eses acordos, esixindo a realización dun referendo de autodeterminación para rematar o proceso de descolonización. A última resolución ao respecto, solicitada polo Consello de Seguridade o ano 2002, di: “Os Acordos de Madrid non transferiron a soberanía do Sáhara Occidental nen concederon a ningún dos asinantes (España, Marrocos e Mauritania) a condición de poder administrador, status que España non pode transferir unilateralmente”. A decisión da ONU é clara, e malia a ocupación marroquí da maior parte do territorio, a máis útil, o Estado español ten unha responsabilidade directa, malia que os sucesivos governos, dando por valida a resolución da ONU, na práctica aceptaban a ocupación e primaban as relacións con Rabat. 
Agora, dáse a coñecer por Rabat unha carta de Pedro Sánchez na que o Governo renuncia a aplicar a resolución da ONU e dá por valida a autonomía proposta por Marrocos. Deste xeito xustifícanse os 46 anos de ocupación, de represión e negación da identidade saharauí, e a migración de marroquís para modificar a composición étnica do territorio. Ademais: que pasa cos/as 200 mil expatriados nos campamentos de Tinduf (Alxeria) e a numerosa emigración noutros países?... Por se non abondase, súmanse a uns contidos indefendíbeis con criterios democráticos unhas formas autoritarias. Xa que esta decisión non foi consultada con UP nen cos partidos que apoiaron a moción de investidura, e por se non abondase, tampouco conta co aval da oposición de dereita. Seica nen sequera se debateu no PSOE, e ignorando que o dereito á autodeterminación do povo saharauí forma parte do actual programa de governo. 
Todo indica que nesta decisión incidiron os intereses empresariais. Xa que o Estado español é o primeiro socio comercial de Marrocos. Os intercambios atinxiron os 16.000 millóns de euros en 2019. Son 22.000 empresas as que exportan a Marrocos e máis de 1.500 as que están presentes nese país en múltiples actividades. Tamén ten un gran valor a extensa costa do Sáhara, e ser un gran produtor de fosfatos xa que conta co maior xacemento do mundo. 
Debeu pesar moito a postura dos Estados Unidos, que ten a Marrocos como seu principal aliado en África, e bases militares. Ademais Alemaña e Francia hai anos que avalan a postura de Rabat. Até onde chega a complicidade ou a subordinación ao imperialismo? En poucas palabras a soberanía do Sáhara Occidental utilizouse como moeda de troque para normalizar as relacións entre Madrid e Rabat e quedar ben con Washington. Vexase as contradicións respecto do discurso que se mantén en relación coa invasión Rusa da Ucraína. A única coincidencia en ambos casos é que se utiliza a foto fixa, agochando as razóns e o proceso que motivan respostas tan diverxentes. Será porque en ambas situacións pesan máis os intereses de reducidos grupos de poder que a xustiza social e a soberanía?
A estes aspectos negativos do apoio do presidente Pedro Sánchez á ocupación do Sáhara Occidental por Marrocos, hai que engadir, como afirma nun comunicado o deputado do BNG, Nestor Rego, que: “dende o punto de vista político e económico a viraxe do Governo español pode abrir un conflito con Alxeria, principal fornecedor de gas ao Estado español, nun momento de especiais dificultades económicas”. Atrancos que teñen no sector enerxético unha das principais razóns, que se agudizaron co conflito entre Rusia e a Ucraína (en realidade coas potencias occidentais). A inflación, sancións, rotura do proceso produtivo en moitas áreas, protestas e paros de sectores moi afectados... Unha medida inxusta cos saharauís e inoportuna. Canta contradición. 

Te puede interesar