Opinión

Monarquía ou República

Aabdicación do rei de España e o inicio de proceso de sucesión no seu fillo, o príncipe Felipe,  abriu un forte debate sobre a forma de goberno máis apropiada pra o Estado español: monarquía ou a república? É lóxico que sexa así, porque non é democrático que existan persoas que manden sobre os demais sen ser eleitas, e que ademais non podan ser xulgadas polos actos que realicen. Na práctica, significa manter en vigor formas de goberno medievais. Pra min, a república é unha forma de governo lóxica, na que o povo é quen elixe as persoas que lle parecen máis apropiadas pra tal fin, onde legalmente non hai ninguén por riba dos demais. Digo “legalmente” porque despois non é tan así, e o poder económico vale máis que as cualidades e sirve pra decidir na sombra sobre o que se debe facer. 
Reducir o debate a monarquía ou república, como pretenden algunhas forzas, coa escusa de obter un maior apoio, deixa todo nunha cuestión de formas, sen entrar nos contidos, que é o fundamental neste debate. Porque esta é unha oportunidade que non se pode desaproveitar pra entrar nos temas de fondo, como son o recoñecemento do dereito á autodeterminación das nacións (Cataluña, Euskadi e Galiza) e outros pobos que o soliciten, a asunción do carácter plurinacional e plurilingüístico do Estado, a realización de reformas económicas e sociais que permitan unha distribución xusta do traballo e da riqueza producida, debater o afastamento da OTAN e do euro, e cales deben ser as relacións coa Unión Europea. Non se trata de facer unha nova transición como piden algúns, esquecendo que a grave situación actual é tamén o resultado daquel proceso, senón de conseguir a ruptura democrática. Unha ruptura atrancada na década dos setenta, porque as forzas da esquerda estatal e o nacionalismo conservador (PSOE, PCE e CIU) pactaron a transición monárquica coa dereita.  
Tampouco é certo que rebaixando o debate ao dilema monarquía/república, a segunda obterá un maior respaldo, porque as clases populares e os soberanistas das nacións periféricas do Estado, o que esixen son solucións aos seus problemas cotiás, ben sexan de orde económico, social, cultural ou democrático. O sistema republicano ten todo o seu significado se implica cambios de fondo no modelo do Estado; non pode ser unha nova transición que mude algunhas cousas pra que non cambien aquelas que afectan ao poder, ao traballo e á riqueza. Polo tanto, non é precisamente un argumento de esquerdas dicir que isto é o que toca agora, que se resolve cun referendo, e que o demais virá despois. Na práctica, é a mesma escusa que no seu día utilizaron o PSOE e o PCE pra xustificar o voto a prol da Constitución e da monarquía. 
Coido que é moi positivo que se dea este debate, pra alén do resultado final, que dada a maioría do PP no Parlamento e o apoio do PSOE e UPyD será a sucesión monárquica en moi poucos días. Porén, por máis que fagan a bulir o proceso, fica un pouso en sectores moi amplos da sociedade de que logo das europeas, o Parlamento non está tan lexitimado, e que temas desta envergadura necesitan de máis reflexión e de maior consenso. Tampouco é aceptábel blindar xudicialmente o Rei abdicado, e facer disto unha cuestión de Estado. Unha decisión que alenta as sospeitas sobre a figura do Rei, máxime tendo en consideración os escándalos nos que están metidos algúns familiares. Son temas que non prestixian a monarquía, por máis que se pretenda facer borrón e conta nova con Felipe VI; aínda que penso que o debate é fundamentalmente sistémico. En resumo, todo reflicte que o debate monarquía ou república non rematará coa coroación, e supoño que polo ben de todos e todas, estará cada vez máis unido á problemática das nacionalidades, á democracia avanzada, e aos contidos económicos e sociais.

Te puede interesar