Opinión

A incógnita catalá

A convocatoria dun referendo non vinculante por parte da Generalitat de Catalunya, no que o pobo poda se manifestar encol da pertenza ou non ao Estado español, e de se manter este vencello, de que modo, provocou un reaxer histérico por parte do Goberno central, dos partidos de dereita, e das clases dominantes. Segundo eles, todo está decidido de por vida, nada se pode mudar fóra dos marcos que foron fixados por vellas conquistas, a xustificación da “modernidade”, e hoxe para garantir os obxectivos do libre mercado. A constitución de 1978 seica blindouno todo por séculos, aínda que non hai tanto se modificase en poucos días por esixencia da UE para fixar o tope de déficit público. 
Ate a convocatoria do referendo, a iniciativa estivo nas mans do nacionalismo catalán, porén agora pasou ao Governo central que, utilizando o Tribunal Constitucional, suspendeu a consulta. Unha decisión que pretende darlle unha resposta xurídica a un problema político, e xustificar sancións e medidas penais contra os cargos públicos e funcionarios que colaboren no referendo (lembremos, non vinculante). Por se non abondase o governador do Banco de España mete medo aos aforradores cataláns afirmando que en caso de se decidir pola independencia poden perder os seus cartos, e non poucas grandes empresas ameazan con deixar o país. 
Fica claro que para as clases dominantes a independencia só é un dereito lexítimo cando debilita as potencias contrarias. Por exemplo, a extinta URSS, ou hoxe a Rusia, China, etc. Mais carece de valor cando afecta aos seus propios intereses ou aos dos seus parceiros. Todo amosa que se os partidos cataláns manteñen o pulso e o povo preme na rúa, a confrontación irá a máis. E, como todas as partes queren reflectir que son as máis democráticas do mundo, xa que a batalla política hoxe dáse coa mesma intensidade na rúa e nos medios de comunicación, asistiremos unha e outra vez á escenificación dos argumentos e non pouca terxiversación. Polo que entender as posturas pode ser un verdadeiro labirinto, para aqueles que non viven en primeira persoa o conflito, aínda que lles afecte moi directamente, por exemplo, aos galegos e galegas. 
Agora, todo depende da actitude das forzas soberanistas en Cataluña. Se estas aceptan a decisión do Tribunal Constitucional e frean o proceso (todas ou parte das forzas que o iniciaron), xa que resulta evidente que os recursos que fagan nacen mortos, perderán o apoio social e, con seguridade, abrirán as portas a dúas saídas diverxentes: a pasividade dun sector da povoación e a resposta airada dos máis comprometidos coa independencia. Esta sería unha vitoria para Rajoy, porque frearía o proceso e dividiría o nacionalismo, entre vangarda e simpatizantes. Se optan por realizar o referendo, o que semella a única saída que lles queda, ábrese un período de confrontación máis agudo, no que será a rúa a que marque o ritmo, o que dará máis protagonismo ás forzas independentistas (ERC e CUP), debilitando toda negociación que pretenda reconducir o conflito mediante cesións simbólicas por parte do Estado. Unha vía intermedia sería a convocatoria de eleccións anticipadas.
Sen dúbida o Governo central ten unha enorme responsabilidade na situación actual, porque aínda que non se realice o referendo, validou coa súa actitude que a opción democrática do povo catalán sería a independencia. A súa postura inmobilista, a negación dos dereitos colectivos dunha nacionalidade histórica, polo tanto cunha forte identidade, non se pode asoballar con argumentos legalistas e de poder. Os vindeiros meses serán moi ricos en acontecementos. Todas as portas están abertas. Calquera solución democrática para Cataluña terá que se estender a Galiza se non se quere crear unha discriminación entre “nacionalidades históricas”.

Te puede interesar