Opinión

Guerra na Ucraína, “occidente” non aprendeu

Que as cousas non lles van moi ben aos Estados Unidos e aliados resulta evidente, tanto na crise económica da globalización neoliberal, un modelo que se desenvolvía ate hai uns anos en función dos seus intereses, como tampouco lle vai ben na guerra na Ucraína, que se pretende utilizar pra recuperar o poder perdido por “occidente”. Como parte desta actitude desesperada hai que entender as declaracións de Biden acusando ao presidente chino Xi de ditador, despois da reunión de Blinken en Pequín. Ao que hai que sumar as declaracións de Stoltemberg, secretario xeral da OTAN, ameazando co envío de armamento superior a Ucraína diante do fracaso da contraofensiva. 

Estes pronunciamentos tan agresivos, que alentan a confrontación como única saída, son propios das películas de vaqueiros, e das etapas de dominio absoluto dos Estados Unidos, sen ter en consideración que o contexto actual ren ten que ver co do século pasado e tampouco co de hai unha década. Hoxe o ordeno e mando non funciona con moitos governos, daquela que se acompañe  por parte da diplomacia de Estados Unidos e aliados dunha morea de reunións complementarias con países de todo o mundo, que se achegan ao bloque de China e Rusia, ou que buscan manter un postura independente. Parte desta estratexia disuasiva semellan as reunións que está a desenvolver a Unión Europea na América Latina e África. 

Agora ben, aínda como primeira alternativa, as potencias occidentais, seguen utilizando as sancións indiscriminadamente, limitando o libre comercio, conxelando activos, e exercendo todo tipo de presións e intervencións,... mesmo con países que só cometen o crime de rexeitar estes métodos ou non se dobregan aos mandatos e intereses do imperialismo. Cada día hai un maior rexeitamento a estes métodos. Daquela que cada vez máis países anuncian a súa entrada nos BRICS, ou o auxe do proceso de desdolarización... Ou sexa, o pau e a cenoria cada vez funciona menos como unha estratexia efectiva, máxime cando ambos se usan polos mesmos actores políticos que teñen nas súas costas séculos de conquistas e rapinas imperiais. 

A guerra na Ucraína a esta altura está decidida, o exército de Kiev está desgastado, o armamento occidental amosou súas limitacións,... en fin, é un conflito que Rusia xa ten gañado aínda que tarde uns meses en consolidar o resultado. A menos que a OTAN e aliados segan optando por aumentar a presión militar e as sancións económicas e sobre todo dean un salto cualitativo na guerra, con todo o que iso implica. É verdade que esta foi até agora a estratexia, con grandes custes humanos e de infraestrutura pra a Ucraína, tamén na pra zona pro-rusa (algo que as veces se esquece). O que sucede é que esta táctica de poñer sobre o terreo armamento cada vez máis poderoso, un maior control do relato e aumentando as sancións, resulta evidente que chegou ao límite. 

Cada novo paso estase a dar polo tanto na zona vermella. E tanto pode ser por un ataque directo á central nuclear de Zaporiyie, como o bombardeo masivo con mísiles de longo alcance a unha cidade rusa, como colocar en perigo a súa existencia... abrindo as portas á confrontación atómica. E esta é unha guerra na que perden todos. Dise que non vai suceder, que ninguén a quere, mais o mellor xeito de evitalo é detendo a escalada, sentándose a negociar, e neste aspecto Estados Unidos e aliados teñen unha gran responsabilidade. Téñena, por non facer cumprir os acordos de Minsk (respecto á cultura e lingua rusa no Dombás, autonomía, eran reivindicacións do máis lóxicas, menos pra os centralistas). Téñena por poñer en perigo a seguridade de Rusia arrodeando o país de bases da OTAN, e sobre todo impoñendo todo tipo de sancións. Estase xogando con lume, falta perspectiva de futuro, respecto pola diversidade.

Te puede interesar