Opinión

Eleccións europeas, a importancia de participar

Nunca antes unha campaña electoral tivo tan pouca presenza na rúa, só algunhas forzas pegan cartaces, espallan panfletos, fan mitins nas localidades e sacan a megafonía. Os grandes partidos procuran o voto a través dos medios de comunicación de masas. Será porque teñen medo a que se lles acuse de non cumprir o programa e servir aos grandes grupos económicos, e pensan que teñen mais que gañar agochándose durante este período? Unha evidencia de que a escenificación substituíu ao programa é que o principal debate neste intre é, se PP e PSOE terían ou non que facer un governo de coaligación. Algo que por outra banda xa se dá na maioría das votacións en Bruxelas e Madrid, e que na Galiza é unha realidade nunha cidade tan importante como Vigo. Porén se cadra o máis escandaloso é que tanto un como outro, e moi especialmente o PP, aproveitaran a traxedia do asasinato da presidenta da Deputación de León pra acaparar os titulares, convertendo a condena social nunha plataforma partidaria.  
Agora ben, se do que se trata é de falar das eleccións, do que é a Unión Europa, non se pode negar que o BNG tiña moita razón cando afirmaba que a UE era a ruína do pobo galego, mentres o resto das forzas políticas, mesmo algunhas que agora se colocan o autocolante de rebeldes e antisistema (como o PCE-EU), apostaban pola integración. Durante dúas décadas todo foron facilidades, pra facer doada a entrada na gaiola, ate que chegou o lóxico axuste na dinámica capitalista (a crise). Entón os bancos e institucións prestamistas esixiron a devolución dos créditos e o inicio dunha etapa de sacrificios. Aínda así mesmo hai quen pensa que se trata dunha situación transitoria, por máis que os moi optimistas, as clases dominantes, falen de 2018 pra comezar a crear emprego neto. En calquera caso, dado a situación de conflitividade mundial e a  volatilidade da economía, resulta evidente que ninguén sabe que vai acontecer en dous anos, e moito menos nunha década. 
Neste contexto tan complexo, nunha correlación de forzas tan adversa pra clase traballadora, no que a globalización (e os grandes espazos xeográficos) son un elemento negativo máis, é lóxico que todas as enquisas coincidan en que nas eleccións a abstención será moi alta. Os votantes non albiscan que o Parlamento Europeo teña eficacia e que a UE sexa democrática. As clases populares consideran que axe en función exclusiva das grandes fortunas, as corporacións e os territorios máis fortes. A maioría da poboación pensa, especialmente na periferia, que os partidos sistémicos, os que teñen maioría absoluta nas institucións europeas, carecen de sensibilidade social e alentan a corrupción. Ademais, os votantes non confían en que os pequenos partidos podan reverter esta situación, especialmente nun ámbito tan lonxano e inmenso. 
Mais, sendo certo o anterior, hai dous únicos xeitos de mudar esta situación: ou cambiando a correlación de forzas, ou terminando coa UE. Porén, ningún destes obxectivos se consigue coa abstención, co cabreo dun día, cómpre que a oposición sexa permanente nas institucións que lexitiman o sistema. Polo tanto, participar é fundamental pra restar forza ás clases dominantes, pra combater a globalización neoliberal, mais tamén pra que a ruptura democrática, construida na rúa, teña maior protagonismo, e gañe peso social e político. E, no caso concreto da Galiza, pra que esta antiga nación teña presenza como tal, exista como proxecto político, coas súas reivindicacións e contribucións, pra alén da súa existencia na historia continental dende o albor dos tempos e como cultura diferenciada. Malia súas limitacións, eivas e renuncias, o Parlamento Europeo é a única plataforma na UE que xorde do voto. Algo que non se pode obviar, especialmente por un pobo como o noso tan necesitado de voz propia.

(*) Dirección da Fundación Fesga

Te puede interesar