Opinión

Unha candidatura única do nacionalismo

Facer realidade unha candidatura única das forzas de ámbito galego como propuxo o BNG sería un paso adiante, xa que todo reflicte que o panorama institucional vai mudar, coa perda do Governo central polo PP. As pasadas municipais e autonómicas foron un anticipo deste cambio. Ademais, o proceso de independencia en Cataluña segue avanzando, malia que Madrid prefire ignorar as reclamacións soberanistas. Engadamos o duro axuste económico, social e laboral, en prexuízo dos países e clases máis débiles. E a revolución comunicacional e unha crise de civilización: desfeita ecolóxica, perigo nuclear, presión demográfica, violencia sistémica, etc.
De todos os xeitos, non se albisca que a mudanza na correlación de forzas nas xerais vaia ser tan grande como pra que fiquemos ás portas dun Congreso Constituínte. Podemos xa se conforma con disputarlle ao PSOE a primeira praza da “esquerda”. E, consígao ou non, que é abondo difícil, a necesidade dunha alianza co PSOE pra governar relegaría o recoñecemento do dereito á autodeterminación. Toda mudanza virá polo tanto do que empurre o nacionalismo catalán, e dos retoques que queira facer un governo da oposición pra calmar as augas revoltas en Cataluña. Hai polo tanto moitas posibilidades de que o chamado Estado das Autonomías sufra cambios. Ate onde? É difícil sabelo. Mais, cando menos, Galiza como “nacionalidade histórica” debería manter un estatus igual ao de Euskadi e Catalunya.
Neste contexto, a Conferencia Nacional de ANOVA botou un xerro de auga fría sobre esta proposta de unidade electoral do nacionalismo galego. Reafirmáronse no protagonismo “das mareas, os cidadáns e a esquerda rupturista”, reproducindo o actual esquema de alianzas, que dá un papel secundario á autoorganización e á loita a prol da soberanía. Isto ten a súa lóxica electoral, dados os bos resultados nalgúns lugares nas pasadas eleccións e que están condicionados por dinámicas estatais. Son produto da asociación con partidos dese ámbito.  
Pra alén das declaracións circunstanciais que ANOVA faga encol da soberanía, toda iniciativa a respeito da cuestión nacional galega xeraría roces cos seus aliados nas institucións (estatais, autonómicas, municipais e europeas). Afirmar, como fai Beiras, que a estratexia correcta neste intre é primar a problemática social, por mor da crise, non se reflicte despois na práctica. Semella unha xustificación. Tanto no aspecto socio-laboral como en relación á problemática nacional, o BNG ten unha maior presenza, iniciativa e combatividade. Algo lóxico, porque ambas contradicións son interdependentes na Galiza. Resulta máis coherente a contestación do co-líder de ANOVA, Martiño Noriega, cando di que non é nacionalista, senón unha persoa que naceu na nación galega, que el é internacionalista! A contestación carece de lóxica, a non ser pra fixar postura, xa que o nacionalismo (dos povos sometidos) non é contraditorio co internacionalismo,...  só o é  en relación co Estado dominador.
Acordar unha candidatura única non tería que ser unha tarefa difícil, xa que a maioría dos partidos nacionalistas estaban integrados no BNG ate hai pouco. Dise que as rupturas sempre deixan feridas. Pode ser certo. Mais o importante pra todo/a activista é levar adiante os obxectivos programáticos. E pra os/as nacionalistas galegos iso significa conquistar a soberanía con xustiza social.  Pra facer a andaina dunha candidatura unitaria as distintas sensibilidades do nacionalismo terán que valorar canto lles favorece, e a importancia doutros espazos compartidos, pra o avance do proxecto. E cales deben ser os mecanismos pra garantir as singularidades, as propostas estratéxicas, e as decisións democráticas. En conclusión, é o momento da verdade, de ollar o que cada forza pon por diante.

Te puede interesar