José Teo Andrés
Muchos los demandantes…
Ao principio dos anos setenta vivín e traballei na Coruña. Por entón a familia Franco veraneaba no Pazo de Meirás e a estrada N-VI fora remodelada para que o ditador non padecese as fochancas e penalidades do resto da cidadanía do Estado. Ao tempo os xoieiros coruñeses subscribían un importante seguro colectivo contra os “roubos”, que habían de sufrir durante as visitas da esposa do “generalísimo” aos seus negocios. O aire leva ese rumor recolleito por min no meu caderno de apuntamentos vitais para non esquecelo. Era certo, si. Mesmo algúns xoieiros e anticuarios facían coincidir as súas vacacións estivais coas da próspera familia e pechaban os negocios. Con todo moitos por necesidade se arriscaban retirando da vista as pezas máis importantes e valiosas. Para eles ver entrar a Carmen Polo de Franco no lugar dunha honra representaba un risco económico. A “collares” nunca levaba diñeiro en efectivo nin talonario nin fórmulas para afrontar os pagos dos seus caprichos e ambicións.
Naquela Coruña, onde a diversión era un paradigma de identidade e o verán un abrazo aberto á corte ditatorial, Franco non adoitaba verse polas rúas. Á familia si, sempre escoltada e agasallada polas autoridades locais grazas a unha longa ladaíña de latrocinios. En dúas ocasións presenciei o cortexo, tiven a oportunidade de ver á xente levantarse dos asentos en sinal de acatamento e escoitei aos críticos deixar sobre os veladores das terrazas os comentarios contra a pertinaz ditadura. Deste xeito souben que o histórico cruceiro da praza das Bárbaras fora expropiado en silencio para recalar no pazo de dona Emilia Pardo Bazán, regalado a Franco “por subscrición popular”. Non teño noticias de que a obra de cantería tradicional fora reclamada polo consistorio coruñés do mesmo xeito que o concello compostelán fíxoo coas dúas esculturas do século XII atribuídas ao Mestre Mateo. En 2017 o goberno de Martiño Noriega iniciou o preito contra os herdeiros do ditador esixindo a devolución das tallas románicas, obsequiadas ás ocultas a “señora” polo alcalde Enrique Otero Aenlle, tras a súa visita e antollo da dama en 1954, con motivo do Ano Santo Compostelán.
Descoñécese de certo como foi o paso dos dous patriarcas de Israel, desde a catedral as mans dos extinguidos condes carlistas de Gimonde. Un presunto herdeiro vendeunas ao concello en 1948. Desde antigo entre nobres e prelados andaba o xogo. Por fortuna en moitos casos o rastro quedou documentado. Grazas a iso a propiedade do concello figura acreditada nos arquivos, non así o posterior agasallo a “familia”. Oito longos anos durou o preito de recuperación durante o cal algúns xuíces mostráronse compracentes cos beneficiarios dos turbios manexos do ditador e contra o interese do concello. Grazas ao Tribunal Supremo Abraham e o seu fillo Isaac volverán a casa en Santiago de Compostela, dando así un belisco á restauración da memoria histórica. Este pequeno elo súmase ás devolucións do Pazo de Meirás e do edificio Cornide na Coruña pero non restitúe canto roubaron, presuntamente condonado pola Lei de Amnistía de 1977.
Estes conflitos de propiedade certifican a impunidade na que se moven os agraciados materiais e ideolóxicos do franquismo. Son diminutos triunfos que sumar á loita polo rescate das vítimas que aínda padecen a desidia nas cunetas e fosas comúns. Debemos aplaudir a restauración da memoria histórica dándolle a benvida a Isaac e Abraham multiplicando o empeño de seguir esixindo as institucións o regreso dos defuntos asasinados polo franquismo, cada día máis preto de pisar o esquecemento eterno.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último