As baixadas do pau

As baixadas do pau

Non é que eu lles estea moi ben, que mal non lles estou, pero teño a sospeita de que o mundo no que estamos a vivir está sendo un pouco atravesado. Tanto é así que non só é que estea eu lendo ou vendo noticias referentes á liga de fútbol, cando antes conformábame con ver os resultado do Celta e mailo Depor é que, creo que por primeira vez na miña vida, abrín unhas páxinas salmón, desas de economía, e lin nelas as medidas que as grandes firmas de avogados están tomando pra que os seus profesionais poidan conciliar as súas vidas laborais coas súas realidades familiares.
Hainas certamente curiosas e, lidas a modo, poden darnos unha idea, máis ben simple, de por onde van os tiros. Hai unha, referida a un deses grandes bufetes que, ó meu entender, destaca sobre as outras; por exemplo, son conscientes do nivel de estrés que aturan os seus avogados e daquela danlle talleres nos que fomentar as súas respectivas resiliencias. Non lles rebaixan o ritmo de traballo, ca, os preparan pra que sigan rendendo a satisfacción e, de vez en cando, organízanlles saídas ó campo pra conciencialos no respecto ó medio ambiente. Non di nada de se irán ou non irán cantando aquilo de "que buenas son las hermanas carmelitas, que buenas son que nos llevan de excursión".
Esta mesma firma de avogados, que debe ser estranxeira, ten un programa chamado Employee-Assistance a través do que axudan ós seus profesionais nas tarefas administrativas; por exemplo, que teñen que renovar o DNI, pois renóvanllo eles e así o profesional pode seguir traballado; non vaia ser que de camiño pare a tomar un café con leite en calquera barciño da vecindade. Pra tales viaxes a verdade é que non sei precisan albardas. Onde irán aquelas xornadas laborais de oito horas? Acórdanse os lectores dos mileuristas? Apareceu tal denominación a principios deste século cando se xulgaba unha explotación soldo (daquela) tan miserable. Cantos os pillan hoxe e logo de cantas horas de traballo?
Estámonos afacendo a ser expremidos, a aceptar condicións laborais que non hai tantos anos eran denunciables, sen dar un chío e facendo bo aquilo de que "mentres sube e baixa o pau descansa o lombo", tanto que agradecemos as subidas e aturamos as baixadas do pauciño cunha tranquilidade que empeza a ser preocupante. Vivir, estánnolo poñendo cada vez máis difícil. Hai demasiada xente que está traballando doce ou catorce horas diarias e non poucas seguen traballando os sábados e domingos. A esa xente aínda se lles di profesionais liberais. A verdade é que empeza a soar un pouco a broma.