MAQUINARIA 4.0

Forte aposta por solucións tecnolóxicas 'made in' Galicia

O programa da Xunta quere impulsar o desenvolvemento da tecnoloxía no eido da industria
photo_camera O programa da Xunta quere impulsar o desenvolvemento da tecnoloxía no eido da industria

As axudas facilitadas polo programa Maquinaria 4.0, activado pola Xunta de Galicia, permitirán desenvolver tecnoloxía que ata o momento non se produce na Comunidade. Así, apóiase con 987.000 euros a posta en marcha de proxectos realizados por empresas galegas que achegarán catro solucións tecnolóxicas no eido da maquinaria e bens de equipo a necesidades manifestadas por diferentes sectores do tecido produtivo.
A posta en marcha destas iniciativas vai supor un volume total de investimentos que superarán os 2,4 millóns de euros. O programa ten como obxectivo incentivar que os fabricantes de maquinaria se convertan en provedores importantes dese tipo de bens, ademais de permitir reforzar a estandarización no sector e facilitar a venda a nivel local, nacional e internacional de tecnoloxía feita en Galicia.
Así, as empresas que desenvolverán os proxectos presentaron as súas propostas para catro retos definidos a partir da análise das necesidades detectadas na consulta realizada polo Goberno autonómico, a través do Igape, ao tecido produtivo galego. En concreto, achegan solucións a demandas tecnolóxicas de asociacións e empresas dos sectores da automoción, o conserveiro, a agroalimentación e o transporte e a loxística. 
Todas as empresas beneficiarias, agás Tromosa, que está en Santiago, e Gallega de Envases Logísticos (Pontevedra), localízanse no municipio de Vigo. 
• Sistema de control en automóbiles. A empresa Enxenia será a que dea resposta ao primeiro dos retos, presentado pola Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime) e que consiste na creación dun sistema en liña e completamente automatizado para a inspección das imperfeccións das carrocerías dos automóbiles. A axuda achegada pola Xunta é de 81.000 euros e Asime facilitará a posibilidade de realizar a validación da solución e, unha vez que sexa comerciable, poderá actuar de intermediario con clientes finais e axudar na súa internacionalización.
• Análise nutricional na produción de conservas. As empresas Emenasa Industria e Automatismo e Elvan Instalaciones dan solución ao reto proposto polo grupo conserveiro Bolton Food, un sistema de medición en liña e sen contacto dos parámetros de humidade e graxa dunha mostra representativa dos lombos de atún cocido. O Goberno galego apoiará a iniciativa con 286.600 euros e Bolton
Food facilitará a validación do proxecto, entre outras colaboracións.
• Mellora da loxística circular de produtos agrícolas. O terceiro reto foi presentado pola sociedade de produtores agrícolas Kiwi Atlántico e trátase dunha solución loxística circular para a xestión e control do ciclo de caixas plásticas con retorno, que evite o alto nivel de xeración de desperdicios no almacenamento e distribución de froitas. 
As axudas da Xunta para impulsar a iniciativa ascenden a 348.000 euros e serán as empresas Troqueles y Moldes de Galicia (Tromosa) e Gallega de Envases Logísticos as que o desenvolverán. Pola súa banda, Kiwi Atlántico será a empresa tractora da solución, potenciando a súa chegada ao mercado e facilitando as diferentes comunicacións cos axentes involucrados. Ademais, como primeiro cliente da solución, porá a disposición a súa loxística para o retorno de caixas e palés baleiros.
• Novo sistema de envasado de conservas. Precisgal dará resposta ao cuarto dos retos propostos polo tecido produtivo galego, neste caso tamén polo sector conserveiro, e do que Frinsa del Noroeste, fabricante de túnidos e mariscos en conserva, vai ser a empresa tractora. A axuda aprobada é de 271.000 euros e estará destinada a crear prensas de embutición de folla enteira para a fabricación de envases metálicos, das que non hai case provedores a nivel mundial, o que implica altos custos no envasado destes produtos. Frinsa del Noroeste proporcionará apoio técnico e subministrará os materiais e mostras necesarias para ensaios.

“Ter un cliente interesado facilita a industrialización”

Fernando Cao é director de Emenasa Industria, empresa que desenvolve un sistema de medición para a industria conserveira.
En que consiste o proxecto?
É un sistema que permite facer as medicións de graxa e humidade do atún. Actualmente, este proceso faise en laboratorio e nun tempo bastante elevado. O que se quere ter é unha máquina que faga as medicións na propia planta para así poder tomar tamén decisións en tempo real. No caso do atún, a súa graxa indica a calidade e a humidade, os tempos de cocción indicados. O feito de obter estes valores en liña permite, por unha banda, rastrexar en liña moitas máis unidades e, por outra, tomar decisións máis rápidas para corrixir problemas, gañando en eficiencia e calidade.
Existe xa algunha tecnoloxía semellante?
Non. Actualmente faise todo en laboratorio. Nós traballamos mediante visión hiperespectral. Permite obter moitos máis datos e estes son máis representativos que noutras tecnoloxías NIR ou visión convencional.
Que supuxo as axudas que achega a Xunta de Galicia para este proxecto?
Indiscutiblemente acelera moitísimo a industrialización 4.0. Ademais, neste tipo de convocatoria o que se potenciou foi que se probara xa no cliente interesado, o que facilita moito os trámites e a detección dos diferentes problemas nunha tecnoloxía tan nova á hora de industrializar unha planta, neste caso a de Bolton Food.
Isto animará a moitas empresas a investir en tecnoloxía desenvolvida en Galicia?
Por suposto, estamos falando dunha tecnoloxía que non só é novidosa a nivel galego, senón a nivel mundial. No caso do atún son tecnoloxías completamente novas.
En que prazo podería estar en funcionamento o sistema que está a desenvolver 
Emenasa Industria?
Nós levamos xa moito tempo traballando neste tipo de tecnoloxía e en concreto no atún. Esperamos ter este produto en proceso comercial a finais deste ano ou inicios de 2022. Isto é o último paso do proxecto: a fabricación da maquinaria. Isto non é I+D, isto é o 
desenvolvemento dun prototipo e temos moita confianza nesta tecnoloxía.

Te puede interesar