Uxío Benítez. Director da AECT Rio Minho e deputado de Mobilidade

Uxío Benítez: "Non só existen Madrid e Lisboa; o territorio do Miño tamén debe estar na cimeira ibérica"

Uxío Benítez, director da AECT Rio Minho.
photo_camera Uxío Benítez, director da AECT Rio Minho.

Uxío Benítez, director da AECT Rio Minho, acredita que a Cimeira Ibérica que hoxe comeza en Viana do Castelo deber ter en conta tamén os territorios transfronteirizos. Para iso, será presentado neste encontro bilateral o "Documento de Pontevedra", onde se recollen as principais reivindicacións do territorio do Río Miño. 

 Que resultados agardan obter desde o AECT Rio Minho desta Cimeira Ibérica?

A nosa expectativa básica é que se dea resposta ás necesidades concretas que ten o territorio do río Miño. Por vez primeira vez a cimeira realízase no espazo do AECT, polo que agardamos que igual que houbo sensibilidade para trasladar o encontro, tamén haxa sensibilidade para ter en conta demandas históricas no ámbito da cooperación local vencelladas á fronteira miñota. Os estados teñen que ter en conta os territorios de fronteira que os unen, traballar para melloralos, non só chegar a acordos centralistas pensados para Madrid e Lisboa. O territorio transfronteirizo do Miño tamén precisa atención.

Como foi o encontro que mantiveron coa ministra portuguesa de Coesão Territorial?

Foi unha reunión moi frutífera. Atopamos moitos puntos en común na nosa visión da fronteira e de como facer máis Europa, polo que estamos moi agradecidos. Foi o primeiro encontro bilateral que houbo a este nivel para preparar a Cimeira. Dende o AECT, a Deputación e a CIM plantexámoslle un documento, a “Declaración de Pontevedra”, que recolle as nosas aspiracións, que pensamos deben ser abordadas nesa Cimeira. Ela manifestou o seu compromiso de defender todos eses proxectos prioritarios. E tamén compartiu con nós a visión de que os fondos POCTEP deben beneficiar aos territorios de fronteira. Esa é unha demanda tamén principal.

Que é a “Declaración de Pontevedra” e que obxectivos persegue?

É un documento asinado polo AECT, a Deputación e a CIM Alto Minho que, como digo, recolle as nosas aspiracións. Nomeadamente fomentar a conectividade e desenvolvemento empresarial garantindo investimento público para mellorar a unión e transporte de mercadorías entre o aeroporto de Vigo, os portos de Vigo e Viana do Castelao, as infraestruturas viarias (A52 na Galicia e A3, A28 e A27 en Portugal) e a rede de parques empresariais; unha aposta polo corredor atlántico ferroviario; integrar a cidadanía e facilitar a mobilidade impulsando proxectos singulares de mobilidade... A mellora da cobertura, a posta en marcha a Tarxeta de Cidadanía Transfronteiriza, ou a defensa ambiental do Miño.

Como se podería avanzar na cooperación transfronteiriza?

A mellor maneira de avanzar é que os estados que crearon o problema transfronteirizo,se dean conta da importancia que ten ter en conta as autoridades locais que son as que viven a cooperación no día a día. As fronteiras teñen que ter unha presenza nas decisións que toman os estados. Teñen que ternos en conta. As entidades como os AECT deben estar presentes en foros a nivel estatal para que se articulen medidas que solucionen as problemáticas existentes, das que nós somos os primeiros coñecedores. 

Que papel xogan nesa cooperación entidades como o AECT Rio Minho?

Pois o AECT é un instrumento xurídico que agrupa os intereses dos concellos e das cámaras do territorio do río Miño, as súas reivindicacións. No noso caso temos unhas prioridades e liñas de actuación consensuadas cos axentes miñotos que están plasmadas na Estratexia 2030. E con esa folla de ruta gustaríanos dispoñer dunha Intervención Territorial Integrada e apostar por un proxecto global de desenvolvemento territorial estruturante executable dende o propio territorio. Durante a pandemia estivemos a defender día si e día tamén os intereses das persoas afectadas polo peche da fronteira. Seguimos a reclamar a creación dun estatuto de persoas traballadoras transfronteirizas e a creación dunha Tarxeta de Cidadanía Transfronteiriza.

Os municipios portugueses teñen solicitado unha sexta ponte sobre o Miño para comunicar coa Plisan. Cre que sairá adiante este proxecto?

Si. É un proxecto que plantexaron as autarquías portuguesas ao ministerio de infraestruturas portugués. Aínda está en fase de valoración. Pola nosa banda, obviamente, todo o que sexa favorecer a conectividade nos parece ben. Somos conscientes de que hai que dar o gran salto nestes momentos é en favorecer a conectividade non só de infraestruturas rodoviarias, senón tamén de infraestruturas de mobilidade sustentable como a pasarela peonil de Tomiño, a pasarela peonil en Monçao, ou a conexión entre Caminha e A Guarda.

Te puede interesar