Opinión

“Melodifestivalen” e “Festival da cançao”

A pasada fin de semana tocou xuntanza gastronómico-eurovisiva; digamos que ven sendo unha cea preparatoria da que terá lugar cando se celebre o Festival de Eurovisión no mes de maio. Non se trata dun simple aperitivo musical, xa que vén con ración dobre, por coincidir a final do “Melodifestivalen” sueco e o “Festival da Cançâo” portugués. Cando remata a retransmisión dos nórdicos, que vemos por internet, comeza a dos nosos veciños, co cal pasas diante da pantalla desde as oito da tarde ata as dúas da madrugada; porque se os suecos teñen o bo costume de liquidar todo nun par de horas, os portugueses precisan catro para dar o resultado definitivo do seu querido festival. 

Non vou tirarlle das orellas como fan moitos eurofáns polas redes sociais que desesperan pola longa duración, porque son os amigos da RTP con quen teño compartido escenario e momentos marabillosos. 

Aínda lembro o cariño co que nos trataron cando fomos convidados ao Festival da Cançâo celebrado en Guimarâes no 2018, co trunfo da canción “O Jardim” de Cláudia Pascoal, unha estupenda intérprete que repetíu participación este ano coa canción “Nasci María”, que a priori era unha das favoritas, xunto con “A Festa” de Edmundo Inàcio que a piques estivo de dar a badalada coa súa interesante proposta pola que moitos apostabamos, lucindo un vestiario, el e os seus coristas, que mesmo parecía deseñado polo noso creador ourensán Jorge de Alvarez. 

Ao final, foi Mimicat con “Ai coraçâo” quen se alzou co triunfo conseguindo o pase para representar a Portugal en Liverpool. Confeso que non era das miñas preferidas, pero os xurados e o televoto portugués así o quixeron, e así nolo fixeron saber catro horas despois do comezo da emisión. Aínda non entendo moi ben esa longuísima duración, a non ser que sexa por temas de interese publicitario, que non están as cousas como para tirar moitos foguetes. 

En calquera caso sempre é un pracer ter a compaña das presentadoras da canle pública portuguesa, desde a querida Sónia Araújo, con quen coincidín en Guimarâes e que compartíu durante un tempo o escenario de “Luar” ao lado de Gayoso, e con que teño presentado o “Aquí Portugal”, ata a moi querida polo mundo eurofán Filomena Cautela, encargada de copresentar o Eurofestival celebrado en Lisboa no 2018.

Pero realmente o que sempre agardamos con espectación é o “Melodifestivalen” sueco, por ser este País un dos máis eurovisivos desde o histórico triunfo de ABBA no 74 co seu “Waterloo”, que marcou un punto e á parte na historia do Festival; como tamén o fixo anos máis tarde a gran Loreen, que no 2012 arrasou facendo que toda Europa cantase e bailase o seu “Euphoria”, que mesmo era interpretado pola Banda Real Sueca nalgún dos seus actos. Foi todo un acontecemento musical en infinidade de países, como España, onde conseguíu ser número un de “Los 40 Principales”, cousa que ningunha outra canción gañadora de Eurovisión conseguira desde o ano 1974 de ABBA.

Pois ben, nesta edición os suecos decidiron cos seus votos que de novo os represente esta artista de ascendencia bereber que nunca deixa a ninguén indiferente. As comparacións son odiosas e non é cuestión de debater se “Tattoo”, a canción deste ano, ten a calidade ou a forza de “Euphoria”; son propostas diferentes pero cunha posta en escea moi propia de Loreen, que non o dubidemos, estará aí arriba pelexando por levarse o Micrófono de Cristal en Liverpool no mes de maio.

Te puede interesar