Opinión

Xornadas de Entroido

Onte deu comezo –deixémolo, digámolo así-, o Entroido en Vigo, aínda que en moitas outras xeografías da nación que negan tanto Abel Caballero e Alberto Núñez Feijóo, aló no Maside ourensán xa correron o Brais do que vostedes terán ouvido falar, e tamén quen teña visto o vello boneco montado no burro ata ser guindado ou pispado pola rebuldeira. Logo de Xinxo, na Limia, hai unha estrada que nos leva á vila que digo, a carón da torre medieval da Pena, fronte á de Sandiás que separa a memoria da lagoa de Antela, a maior de Galicia, que a fantasía cría unidas por un pasadizo somerxido baixo as augas da grande braña, que arestora os colonizados máis alá da lingua dinlle “humedal”, un vocábulo tan obvio como recorrente, incorporado ao dicionario da RAE, neoloxismo extraviado, por non seren eles menos –nin máis- na memoria inmediata dos esteiros do Guadalquivir -Doñana-, Tablas de Daimiel, Janda, Ruidera e outros corgos que vostedes coñecerán mellor ca min, malora destruídos polo falso progreso e a especulación capitalista. Recordarán algúns as gándaras do Lagares, onde hoxe está a empresa de automóbiles; e aínda vivas as de Cospeito e Valdoviño, como as defuntas de todo o Budiño, que asoman a súa melancólica señardade polo intempo do Porriño, días tamén dos cádavos, chamizos ou páramos do Piñeiro, fóra da fraga murada, Lugo, que evocou o noso amigo Darío Xohán Cabana, precisamente da chaira aquí lembrada. 
Máis humidais houbo, e milleiros de desecacións que “a modernidade” e o desvarío adaptou do relleno español ou castelán, ao recheo culinario de nós, cal zaragallada, rustrido, ou maravallada, aínda non ben explicada polas autoras e autores de sinónimos e antónimos cabo doutros dicionaristas que ignoran a física-lingüística, se me permiten a expresión. A chambonería sincrética trouxo o Meco á difícil cidade da oliveira que é Vigo, pero os mómaros non son  días do Entroido, e cecais nin sequera do Grove que dí a cántiga, como tampouco é un disfrace “O Merdeiro”, senón o tristeiro recordo do desherdo cal é agora a precariedade da vida aderezada co vestiario do Imperio en múltiples desafiuzos da ladroíza  para aquí e aló da historia que representan, entre outras menos anónimas sociedades, o FMI, BM, BCE, e demais casas usurarias asociadas ao referente de Wall Street, sen un pobre Shakespeare que levar á boca devecente. 
E de que poderían disfrazarse estes últimos días de inverniza as ministras e os ministros da “unidad de destino en lo universal”? Un irá de si mesmo, coidando ser outro. Soraya, con todo-los respectos, quedaría moi ben en calquera empardecido veneciano pasándolle diversas carautas ao ex rexistrador de inútiles propiedades que preside o goberno de España. 
Fagan vostedes xogo e imaxinen Montoro e De Guindos entre os peliqueiros ou cigarróns de Castro e Laza. E Núñez Feijóo cruzando os camiños de ferro, cun pé en Lugo e outro en Ourense. Mellor ficar en Compostela, agardando a imposíbel resurrección do Apóstolo.
Ás veces o homo anaina o soño do neno que foi e xa non é. Penélope, que elí e alá vai tecendo con flores enxoitas dun vello abril por aliviar a vida e entreter e distraer as ausencias do señorito que lonxe da mentira de Ítaca baila samba e bossanova no inmenso areal de Ipanema. Valle, cando anoitece o día no vello “Derby”, ao que eu creo que nunca foi, reescribe Martes de Carnaval. Son algo máis que divinas palabras. Os xitanos ou ciganos, como no poema de García Lorca, da auga “levantan por distraerse glorietas de caracola y ramas de pino verde”. O tempo esmorece doce e acedo nos almanaques esta primeira luz de marzo.    

Te puede interesar