Opinión

Xoguetes e lilailas

Con (por) Xoguetes para un tempo prohibido entregáranlle a Carlos Casares un premio os mentores da Editorial Galaxia, con Ramón Piñeiro á cabeza, cando os vinte e cinco anos da fundación de Grial, “revista galega de cultura”, un galardón para un escritor falecido como tal logo da publicación de Vento ferido,  que vostedes recordarán un roman, se me permiten o galicismo, onde nos tres relatorios –non teño agora a man o libro- o novo Casares Mouriño achegouse –cecais por efectos parasimpáticos- á causa, denuncia e compromiso da nación galega dende a perspectiva do piñeirismo que daquela aínda non abrazara. Entroutros persoeiros tan distintos e distantes que conformaban o “xuri” estaba o inefábel  ferrolán Gonzalo Torrente Ballester a quen coñecín  en Vigo e tratei en Pontevedra cando presidía os premios “Julio Camba” de xornalismo. Hai memoria fotográfica do que veño de escribir, e palabras soterradas coaquel Carlos García Bayón que tantos anos exercera a docencia en Xuno, aledanos de Ribeira, onde o pulpo –castelanismo léxico- sempre foi polbo e non como pretenden os colonizadores e os colonizados, argüíndo con documentos contaminados que non proban outra cousa  -filoloxicamente falando- ca deturpación  lingüística  Cecais a connotación do polvo castelán, ou español, se queren, para o “acto sexual” , pó en galego e pulvis no latín no que fora instruído Carlos Casares nos seus anos de seminarista, dálles a todos unha migalla de pío pavor, que non deixa de ser o mesmo que trabucar o touciño coa velocidade, ou o que é o mesmo: “confundir las témporas con el culo”, sintagma español de orixe latina, que por certo explicara moi ben aló no Madrid o corcosido filólogo Lázaro Carreter. Ou cecais foi outro académico da RAE?
E ben; cando falabamos de xoguetes e lilailas (ou lilainas), non estabamos a referirnos ao tempo de Carlos Casares, e moito menos a súa obra e adscrición política a seguido da publicación do libro mentado ao comezo desta columna, nin tampouco para polemizar cos homes -e ben escasas mulleres- que haberá no Instituto de Estudios Carballiñeses que apoian a proposta do alcalde da vila pola que tantas veces un andou e pasou  de camiño a tantas xeografías que arestora non fai ao caso lembrar aquí. Cavilo nos brinquedos que propoñen os neotrileiros de aquí e de aló para crearen falsas expectativas de benestar e progreso no Imperio, co recoñecemento da variedade e/ou diversidade que seica é propia á “unidad de destino en lo universal”, con autonomías e “sacra liberdade” sempre condicionada polo ouro en mans de uns e a miseria “tuneada” polo século XXI para que os libertos non saiban da súa condición senón é a penas, cando son desafiuzados –en todo-los sensos-  pola voracidade  da vella usura coa aquiescencia –non sempre- do sistema xurídico español, o mesmo que defende, segundo lle cadre, o actual ministro Ruiz Gallardón, de inspiración nacional-católica, máis ou menos como o presidente Mariano Rajoy, á par que outras mulleres e homes do bipartidismo da democracia burguesa do status quo co que tanto enche a boca nas súas conferencias á mantenta o celebrado Felipe González, e de contado o xefe e fundador das FAES, que impartilla “clases maxistrais”  nun inglés de “chuleta”, tan estarrecedor como aquel francés que hai anos tentabamos falar en Biarritz Alfonso Álvarez Cáccamo e este seu amigo, cabo da tardiña gris e melancólica de Iparralde, á vista do pazo que habitara María Eugenia de Montijo. 
Falou Durão Barroso, branco sobre negro, a propósito de Escocia e apercibimento ás nacionalidades históricas de aquí. O Infame sorrí maléfico coma un Tutankhamon deshistoriado nos bosques do Pardo, onde aínda van os cervos cimarróns beberen auga fresca desta inverniza menos insólita do que cren os meteorólogos (mulleres e homes) das noticias e demais variacións climatolóxicas do cazador no escuro, que un lembra do inesquecíbel amigo Antón Avilés de Taramancos, cando chantamos unha cerdeira no mediodía de Boa.

Te puede interesar