Opinión

Vésperas de primavera

Hoxe digo eu que van alá unha morea de anos deste mar que nos abeira, o mesmo e distinto que recollemos aló no mediodía de Fisterra, onde medraban, cavilo, libres as margaridas, os carrapizos e os pampullos, logo do San Froilán de Lugo e calquera novembro en Compostela, e mira ti como groman outras flores nas gabias e nos cavorcos, aí onde nunca dixo prímula nin printemps o poeta Luís Pimentel. A ósmose é moi difícil de explicar; aclárase mellor calquera metamorfose, ben lonxe dos pesadelos de Franz Kafka e Walter Benjamin, cando este fuxía do terror nazi e decidiu suicidarse en Portbou, porque en España a liberdade fora derrotada polo fascismo que mantivo vivo o Infame ao longo de corenta anos que aínda hoxe dan que falar, “pactado” e herdado pola “democracia burguesa” que restituíu a monarquía, co visto e prace do eurocomunismo que non só inventara Santiago Carrillo, aínda que el fora un dos seus principais mentores. 
Aquilo tiña moito que ver coa mensaxe do cardeal Pacelli –Pío XII, 1939-1958), cando chegou do Instituto o adolescente, na Avenida de los Tilos e anunciounos por boca do pai, a morte do Papa autor de Provida mater Ecclesia e Humani generis. Non recordamos quen era entón o alcalde do vello lubre murado, pero si o nome do gobernador civil e polo tanto “xefe provincial do movemento”: Otero Aenlle; e tamén do bispo: Ona de Echave, adscrito, como non podería ser doutra maneira ao nacional-catolicismo que malia o que proclame en intencións a ambigua e contraditoria Constitución española aínda brinca no bico torto de Mariano Rajoy e o seu ministro de xustiza a propósito do proxecto da lei do aborto e outros “mandamentos” urbi et orbi  para convenceren a uns e a outras que todo é polo seu ben, e coma moito, “elementos disuasorios”, “puro protocolo”, como asegura incómodo o ministro “concertino” verbo da actuación da Garda Civil, que non fai máis nin menos que obedecer ao pé da letra as ordes recibidas, individuais condutas aparte. 
Pero falabamos da primavera, e isto que veño de dicir é, tal vez, fariña doutro muíño, ou se vostedes queren daquelas aceas ou folóns que levan auga despois de tanta inverniza de deus e nunca deixada de anunciar polos servizos meteorolóxicos do Imperio, igual que as casas usurarias propoñen “civilizadamente” avinzas para “negociar” debes, haberes e outros saldos da vida. “Facémonos cargo das ganancias”, pero as perdas hanse  repartir “a escote”, entre o FROB e os desherdados, porque estes aínda poden acceder, cabo de todo, a unha esmola “non contributiva”, logo de non cotizar os últimos quince anos, porque de nada lle serven os trinta ou máis anteriores. 
Eis o vivir e esta nova primavera anunciada, para moito antes de mudar a hora do mundo nos reloxos e entraren ou non as vellas putas na Coresma que precede á Semana Santa que vén. 
Aínda é tempo de Antroido en moitas ignoradas xeografías. Sae Valle-Inclán do seu sartego en Boisaca. Polo Milladoiro arriba vai cara o “Español”. E canda el, unha sombra tra-la outra. 
O “Derby”, non que un cree que nunca estivo, embázase de café con leite e baladas de homes e mulleres inocentes. Un peregrino desnortado pregunta por don Gaiferos de Mormaltán, e a que hora da noite sae o último tren que vai a Vigo para ver Cangas. 
Os espectros non falan, pero a momia ri sinistra no bosque do Pardo.

Te puede interesar