Opinión

Ucraína ao lonxe

O enunciado desta crónica tal vez non sexa máis que o principio inútil dunha metáfora sen destinatario posíbel, e abofé que nada ten que ver coa narración que prosegue a estas primeiras palabras que vostedes veñen de ler. Non entendo moi moi ben porque os españois os ou vellos casteláns  grafan e pronuncian Ucrania cando teñen tan próximo o nome inequívoco que un cre procedente de calquera variante das linguas eslavas que outrora diciamos caucásicas, como os vellos filólogos e outros lingüistas intuían do eúscaro, incluído o pai putativo susposto da escola filolóxica española, que como ben saben non foi outro que Menéndez Pidal, deturpador do Mio Cid  asinado por un Pero Abad enigmático e misterioso. Así quixeron varrer todas as falas da mítica e labiríntica Iberia que arestora non vén a conto comentar, entre subxacentes e substractos, enténdase ben. Escribíu Gonzalo de Berceo en castelán ou nun aragonés entrecruzado co mínimo do primeiro? Era esta unha pregunta que me facía un dos meus mestres –por libre- na disciplina filolóxica e semiolóxica, moito antes de aquí coñecer a Umberto Eco, logo de se facer famoso coa súa novela No nome da rosa e posteriormente con O péndulo de Foucault, dous longos relatorios que tanto deron que falar a unha morea de babecos e un océano de intelectuais ad hoc, entre os que nós recordamos mesmo o célebrado alcalde da Coruña, quen destruíu e arruinou a nosa entrañábel cidade, malia o que pensen ou crean un fato de ‘cosmopolitas’ ignorantes, coa aquiescencia digo, -en moitos casos e días- de pseudonacionalistas de entullo e pacotilla. Logo de escribir isto, non podo evitar a lembranza dos versos da miña Luísa Villalta, xa morta: “A destrucción sempre estivo en marcha/desde a mesma orixe da treboada inicial/que nada deixa reter mas mans/por máis que fagan, que constrúan/que acumulen”. (Papagaio, Edicións Laiovento, 2006, poemas e fotografías, de Luísa Villalta e Maribel Longueira). 
Con todo, quería eu lembrar dende hai anos o mundo de Morigade, intempo de Lavadores, coma un río polos almanaques. Anos escuros e campos de millo ou maínzo, e os tranvías que sempre digo a pasar cal vagalumes en calquera noite, cara a Cabral e O Porriño, unha fornada tra-la outra. Era na taberna do Venancio onde o Carones, fuxido do terror salazarista, xogaba ao tute con outros xornaleiros, e cantaba as “vinte inh’ouros” que un no sabe agora como ha grafar, nin cal a música ou fonética, e botaba a man a pucha para a brincadeira. Veña outra volta! Deixémolo así. 
Aínda non concluído o Entroido, nalgures da nación incesante, xa o credo anuncia a Coresma e fan votos e outras promesas para a “Semana Santa” de abril, despois de que un concelleiro do PP se aderezara de Virxe seica na Cartaxena de Murcia, grave pecado en xeografía tan devota, pero non menos que outras onde a “unidad de destino en lo universal” aínda é viva e ruín no nacional-catolicismo  polo sutilmente ora et labora do ministro de xustiza do goberno de Mariano Rajoy, contra o aborto para defender a vida, nunca máis alá de ver medrar a Prometeo entre co-pagos sanitarios e milleiros de desafiucios promovidos e exucutados pola barbarie capitalista, de gas, ouro e petróleo, e aínda máis expolios e non incertas explotacións. 
Parécelles a eles, Obama incluído, que o referendo en Crimea, comunidade autónoma semellante á eremitoria de aquí, supoño, “quebranta a legalidade internacional”. Pensan seguramente en Catalunya, -ou Cataluña, como mellor lles acomode-. Cavilan en Euskadi; unha migalla en Escocia, en Galicia, se esta nacionalidade histórica for o caso. 
E que pasaría se nalgures da historia, Puerto Rico quixese deixar de ser “un Estado libre e independiente” dentro dos EE.UU?  Non sei se o presidente americano diría o mesmo, ou sen máis, envíaría alí o Sétimo de Cabalaría, como fixera Ronald Reagan na Granada que vostedes han recordar. Proseguirá.

Te puede interesar