Opinión

A Reconquista que non foi tal

En Vigo, a rúa Reconquista -non sei de cando virá o nome-, era antiga baixada ao mar, ao areal, ou á ribeira, e eu non recordo ler nas páxinas de Taboada Leal nin de José de Santiago referencia algunha a esta travesa. Era a vila murada con portas como Pracer, da Laxe, ou da Gamboa, cando aínda a Constitución non era o torreiro da arcana fortaleza do Penso ou Penço, que un supón máis ou menos onde está hoxe a igrexa de Santa María, coñecida pola Colexiata, de cuxa fábrica sae en procesión todo-los anos o Cristo que uns din da Victoria, e outros do Sal, escoltado ou custodiado por soldados e/ou gardacivís da España aconfesional que proclama a Carta Magna  vixente, e presidida dende sempre polo alcalde e  alcaldesas que outrora foran Enma Baladrón e Corina Porro, do PP ao PSOE, e todo nos relembra o nacional-catolicismo fascista que por máis que digan aínda prosegue vivo e exercendo no status quo de administracións autonómicas e municipais aquí e aló. Por que lle chaman reconquista se nada houbo que reconquistar? A liberdade, se acaso, non foi máis que o misterio ruín da burguesía que dera orixe ao capitalismo advertido noutrora da historia por Engels e Marx; e por Miguel de Cervantes Saavedra, máis alá do insólito e o paradoxo, aínda que as Novelas exemplares non sexan precisamente un paradigma da denuncia, mutatis mutandis, dos cans que falan; Cipión e Berganza.  
A primeira “recuperación” aprendéronlla á infancia derrotada dos montes das Asturias, onde exerceu de rei in nomine de Deus, o mítico Don Pelayo, na espenuca de Covadonga, contra a mourería que non era tal ca estes patéticos islamistas que arestora arreguizan Occidente e unha morea de occidentalizados, máis alá de calquera xeografía.
O tempo está detido nalgures, e vostedes poderán percibir a Idade Media –poñamos por caso- en moitos dos arrabaldes da nacionalidade histórica de nós, que nada ten que ver con ningún credo. 
Un non nega que a fame da fe mova montañas para máis aló de si mesmas, porque o homo é libre para crer ou descrer, aínda que os señoritos das finanzas, a OMS, BM e o FMI da ecléctica madame Lagarde suxeran outros camiños. 
Vén aí a “Semana Santa” de abril, que antes pasará pola Reconquista que en Vigo cordialmente han celebrar uns e outras cando a primavera deste marzo, como unha romaxe festeira e bando correspondente a ler polo alcalde. Na praza da Independencia, que foi mudando de lugar ata chegar onde agora está, haberá ofrendas florais e falar de sombras fuxidías.
Para entón, o presidente Núñez Feijóo terá retornado de México, na compaña dos que alá foron con el, á procura de dólares e boas maneiras para que a alta burguesía de orixe galega alí faga barcos e cre infinidade de postos de traballo aquí, porque na “unidad de destino en lo universal” que menos silencia o neto de Rajoy Leloup, “empieza a amanecer”. E todo ha volver ser “una, grande y libre”, como nos días de viño e rosas do xeneral Franco, “Caudillo de España por la Gracia de Dios”, nun mundo sen fronteiras, de aborto libre e gratuíto, cunha sanidade que de gusto é recibila, cal aquela moza do Ribeiro que dá xenio vela, di a cántiga popular, aínda que ao mellor for asinada por algún trobeiro que eu ignoro. O paro comeza a decrecer, mais a lúa vai para chea.

Te puede interesar