Opinión

Poñerlle nomes ás cousas

É unha necesidade, pero tamén unha obsesión para legalizar a mentira, para mudar a verdade, para transformar a memoria, a historia de calquera infamia universal ou de calquera tribo ou xeografía íntima ou pública. É, ademais, unha teima da burocracia que quere encher de contido o baleiro, o abismo. Xa morrera Adolfo Suárez, pero non agora, senón moitos anos antes de certificaren os médicos a súa defunción, ao abeiro dos seus fillos e familiares máis próximos; devorado ou comesto polo alzheimer que é algo máis, coma vostedes ben saben, o deterioro neuronal que nada e moito ten que ver con calquera manifestación da neurose ca psiquiatría trata con palabras, fármacos e apócemas para entreter ou mitigar a ruína que acontece implacábel no totum do corpo, do que non se pode excluír a alma que entenden os píos credos máis alá da indefinición do medo. 
Vexo na tv o enterro do que foi presidente de España cinco anos e pico, e a memoria me regresa a aquel Madrid do Infame, e tantos días de calquera deus de ningures anunciado polas mesmas pantallas en branco sobre negro a morte do César Visionario, que seica deixou “todo atado” para a “unidad de destino en lo universal” coa que enchía o corazón e a boca o xove fascista, fundador e mentor de todas as falanxes españolas, ideoloxía á que se adscribíu decontado Adolfo Suárez, sen deixar de “militar” no Opus Dei que cimetara o crego Escrivá de Balaguer, a quen non hai moitos anos proclamou santo a igrexa CAR.
Un non pon en dubida os méritos e bondades do ex presidente español que vén de falecer definitivo, pero cavilo no que outrora dixer a socioloxía socio-política que non foi quen de silenciar o fiscal que herdou o franquismo tal como el e os seus entendían, aínda que Adolfo entendese o mundo, e España en particular, doutra maneira ben distinta, nunha democracia parlamentar e monárquica, de libres eleccións cada catro anos da vida e da morte. Lembramos unha “Semana Santa” dun ano que arestora non podo precisar o día, fora legalizado o PC que entón gobernaba Santiago Carrillo.
Viña o cronista do Ferrol de ferro, pola travesa de Vigo que outrora fora o Campo das xoubas e intempo do Pino e Canadelo. Pita da Veiga, entre outros, botou as mans ás tempas, alá ía ao garete o amencer de España. 
Cando o centrismo liberal foise esfiañando naturalmente, pois a ficción dura o que dura, Adolfo Suárez, ficou máis só cá unha de calquera reloxo, logo da súa valente e nobre actitude polas liberdades e a democracia na carreira de San Xerome madrileña. Entraron á saqueta os neosocialistas que derrubaran no exilio francés a Llopis. El citou, sen que ninguén entendese, (ou si?) ao poeta Antonio Machado, a quen logo silenciou o tempo de Aznar e PP , para escolleren eles as gaivotas dunha das viaxes de Vinte poemas de amor e unha canción desesperada, que nunca foron, que saibamos, traducidos ao noso idioma. 
Claro que ten mérito e memoria Adolfo Suárez, que aínda onte vin o seu retrato nun recanto da “bancada azul” do Congreso dos Deputados da España feliz e autonómica, para suavizar as diferenzas 
Cabo de Teresa de Cepeda e Juan de la Cruz, honras fúnebres á parte, alá vai a vida e a obra de Adolfo Suárez, moitos anos de si mesmo esquecido. Sit tibi terra levis, na catedral de Ávila.

Te puede interesar