Opinión

Patente de corso

Entre os libros salvados dos naufraxios e incendios da vida -enténdase ben a expresión-, ademais doutros, achei  estes últimos días de outono, Navegantes, corsarios y piratas. Rías Baixas 1780-1850 (2001), fermosísimo volume así de continente como de contido, da autoría do meu caro amigo Alberto Fortes, fillo de Xosé Fortes Bouzán, e irmán da celebrada e recoñecida novelista Susana Fortes, ben distinta e distante de Marta Rivera de la Cruz, que ata onde un sabe e recorda é neta de Francisco Rivera Manso e filla de Francisco Rivera Cela, de quen leo de cando en vez as súas crónicas galantes no diario lugués que fundara hai máis de cen anos Purificación de Cora y Mas Villafuerte, pai de Puro de Cora y Sabater, en cuxo xornal escribimos arreo e tan xeiras de vagar, tanto no caderno literario “Táboa Redonda” que fundara Ánxel Fole aló polo ano 1970, así coma noutras páxinas que outrora dirixiran Xosé Trapero Pardo e logo Pedro de Llano, Bocelo, a quen daba gusto oílo falar na taberna que houbo enfronte do diario, moito antes de se mudar á Rúa Ribadeo, aledanos do Parque Rosalía de Castro, onde eu vin –Hospital da Milagrosa- máis dunha ducia de cadros de facianas de meniños estremecidos, óleos do pintor Villar Chao, a quen moitos anos despois cheguei coñecer nas tabernas do Muro, na Coruña silenciada polo fascismo e o alcalde que aínda ten longa avenida alí: Alfonso Molina. E nada fixeron para lle retirar tal honra os distintos alcaldes e outros ediles da democracia burguesa dende o PSOE ao BNG, pasando polo PP que agora rexe alí, da mesma maneira que non fai nada en Vigo o Concello que dirixe Albel Caballero, digo, para retirar dunha vez a Cruz do Castro, que eu creo que viñera bautizar o Infame aló polos anos 60 de século XX. Desculpas, se  veñen  ao caso, pola digresión que non extravío, pero xa retornamos de seguido ao principio do enunciado, que é a patente de corso, agora sinonimia da deixación do status representado por distintas gobernanzas no pazo da Moncloa e na Carreira de San Xerome, dentro da Comunidade autónoma de Madrid, cunha alcaldía que presidíu tantísimos anos o actual ministro de Xustiza de Mariano Rajoy, a quen non lle faltou tempo para se sumar á voz dos seus amos, así na UE, como nos EE.UU. Falamos de Crimea. que din eles que conculcan o dereito internacional, esquecendo a carta da ONU a propósito da autodeterminación. Non foron uns e outras tan legalistas  cando Iraq, Libia, os Balcàns, e así. Nas dúas primeiras xeografías todo apodrece, mentres en Valencia celebran as Fallas, e aquí apresúranse para celebrar, como non, o Día da Reconquista, para lle levar flores e mentiras ao monumento que recorda os heroes da Independencia, algo común en todo o mundo en calquera credo. Evocarán a liberdade e silenciarán a palabra condicionada, sic, entre a pobreza e a riqueza, entre espoliados e espoliadores. Exaltarán á patria e a cidadanía. Que é o Estado cando case que todo está a se entregar á especulación capitalista para ben de todas e todos: educación, sanidade, o mar, os ríos, grandes superficies, chiringuitos, cuchitriles que antano a velliña do tute cabrón da vida relembraba de “mala morte”, abarroterías de nós que Valle-Inclán pon en Tirano Banderas, e Celso Emilio na Viaxe ao País dos Ananos. 
“Bajo el nombre genérico de corso se suele designar al conjunto de incursiones navales realizadas por particulares (Patente de Corso) con el fin de entorpecer el comercio marítimo de la nación o naciones enemigas”, explica Alberto Fortes na nota preliminar do libro. Fagan vostedes mesmos a translación a este século XXI e observarán nidiamente as “patentes” que outrora da historia representaban, por exemplo, os Gago de Mendoza. Os nomes ben pode poñelos quen lea, entre autonomías e concellos. 

Te puede interesar