Opinión

E se fosen os soños a realidade da vida?

Porque os mortos non soñan, calderonianamente falando. Calquera formulación onírica non é máis que a realidade da vida, mentres durmimos e semellamos estar vivos na divina comedia que todo-los días representamos entre gustos e disgustos, entre angurias e praceres.

Velaí o envés do histrionismo, as horas que aparentamos estar despertos, para que logo os soñares reflictan esas estampas que cecais sexan a certeza. As liñas precedentes abofé que son un disparate, case un desvarío dende Freud a Eisntein, pero o ser que non soña non é máis que un morto, home ou muller. Sonlle lilailas do azar, tentativas da sorte, a outra cara da moeda, un descanso no drama, na ficción, na farsa. 

Veño de describir o discurso dun afán do mesmo xeito que Franz Kafka debullaba unha loita n’A Muralla chinesa,  que nega aquel amasillo inútil do imposíbel Pessoa. “Tudo o que vemos é outra coisa”, un verso coxo que non é máis ca realidade da loucura, calisquer neurose entre as que poderíamos citar as acontecidas –poñamos por caso- a Juan de la Cruz, ou Teresa de Jesús aquela que vía e sentía a Deus “en los pucheros”, e así xustificar a pobreza, e non o espolio, a explotación, a escravitude, presentándoa cal “vontade de Deus”, un deus que foi substituído por Wall Street, BM, FMI, OMS e outros acrónimos que arestora non fai ao caso nomear aquí. E para abaixo e nas contornas todo é sistema financeiro do Imperio, de bancos e banquetes; grandes superficies comerciais e neoabarrotarías deste século e cambalache, como antano foron os últimos almanaques do XX.

Así escribo o Día de “San Valentín” este “Mar de Fóra” que vostedes len este penúltimo sábado de febreiro, agardando o Antroido e tal vez as vellas putas da Coresma que aló no lubre preaugusto eu recordo irlle levar flores e candeas á Virxe dos Ollos Grandes da que foi de vivo tan devoto Xosé Trapero Pardo, un home que me fixo recordar a lectura do libro de Armando Requeixo: Vida e obra de Jose María Díaz Castro (Galaxia, 2014), poeta de nós a quen este ano a Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas. 

Os días e as horas; os pasares e acontecementos, Os soños –pesadelos ou non- como unha alternativa ao vivir, do mesmo ca hipocrisía o engano e a estafa. 

Lin estas xornadas de inverniza non insólita que o señor alcalde de Vigo reuníuse “en cordialidade” co novo dono de NG Banco, que ten aínda no claustro do Concello unha oficina onde os cidadáns pagan as gabelas municipais con ou sen intereses ad hoc. Escotet prometeu non deixar de estudar polo miúdo as preferentes, da mesma maneira que outros días fixeran Pablo Castellano e González-Bueno,  nomeados polo FROB. 

Tamén salienta o presidente de Banesco a súa sensibilidade cara á comunidade galega, sexa cal sexa o nome coa que se bautice a entidade, e a un tanto lle ten, pois as casas usurarias xamais tiveron outra patria que non fose o ouro, aínda que usasen e usen do “nacionalismo sentimental” para as súas piedosas, altruistas e/ou filantrópicas ofertas, sen deixar de abeirar os principais sinais identitarios. “Esquézase das comisións”; “favorecemos o emprego”. “Axudamos aos pequenos empresarios”. Non hai máis que ler a publicidade nas vidreiras das distintas e nunca distantes sociedades bancarias. Soño ou realidade?

Vagan enferruxadas as palabras polo ar. Rebordan os ríos roubados pola infamia disfrazada de progreso, dacabalo da mentira, á procura do paraíso prometido. “Pague vostede a luz como mellor lle acomode”. A Dánae do poema de Álvaro Cunqueiro, cando vella e cansa percorría imposíbel as tabernas, e soñaba co retorno de Zeus, e por amolala chinchaban unha moeda no mármore da mesa… “E eu sempre soño que el regresa”, “come bianca neve scende senza vento...”.

Te puede interesar