Opinión

Estatística e enquisas

Eu non sei cal ha ser o voto das galegas e os galegos nas próximas eleccións ao Parlamento europeo, e a propósito do que digo aínda non lin por aí ningunha enquisa desas que manifestan a “intencionalidade” de compromiso dos cidadáns a respecto das súas preferencias. De contado, non sei a data exacta do sufraxio, aínda que supoño que abril, logo de cantaren os cucos, e fagan as rolas o niño no carballo máis alto das devesas do Avia, e a lamprea estea ou esteña en comida, tal que pronuncian o verbo dende Viveiro a  Betanzos onde xa eslúe o tempo en breves alampos. Para aquela xa terán mudado as horas nos reloxos do Imperio, e escurecerá moito máis tarde do que agora anoitece, se é que non se prolonga este inverno non insólito que estamos a vivir, malia que Mariano Rajoy, menos inocente do que el mesmo cre, non se farte de dicir aquí e aló que “en España empieza a amanecer” letriña patética do fascismo español que elaboraran ‘a escote’, entre outros, Laín Entralgo, -creo que Dionisio Ridruejo- e non sei ben se Antonio Tobar; himno do que Franco se arredou no que convíu, non moitos anos despois que Eisenhower e mais el “posaran” de ganchete polo mediodía gris e tristeiro de Madrid, alá polo ano 1953, cando o adolescente era retratado da man dos pais na rúa da Raíña, que entón era “de la Reina”, “que nunca se lava/ que nunca se peina”, dicía a copliña infantil española, en referencia a Isabel “la Católica”.  Ike ollaba para outro lado, como se estivese aínda na Normandía que mandara bunquerizar a perversa agonía nazi. No Gran Teatro e rúa General Mola, Manolo Caracol cantaba “La Niña de fuego”, e tan distinta como distante aquí a xente non daba entendido a cántiga que tantas veces recordaba Otero Pedrayo, no entoar da puber canéfora rubeniana: “Na costiña de Canedo/ao rubila e ao baixala/perdín a cinta do pelo”, Ponteareas, sen tempo, sen  almanaques furados con alfinetes, e vestiario de duro alivio. E todo regresa no mesmo espazo e ben diferente calendario, nesta globalización imposta a sangue e fogo pola barbarie capitalista que tan ben ven os cegos de conveniencia ao tanto por cen dos benditos casarios da usura que teñen como referente a Wall Street, FMI, BM, OMS e outras siglas que arestora non me veñen á memoria. Galegos, extremeños, andaluces, madrileños, murcianos e así, foron alén-mar por antollo ou capricho, e despois a esta ou aquela vella Europa na que agora mesmo procura traballo a máis intruída mocidade desta democracia burguesa posfranquista, sen fronteiras que non sexan outras que a riqueza e a pobreza. Logo de consumada a estafa coa aquiescencia da ladroiza disfrazada coas carautas da bondade, altruísmo, filantropía e progreso, España (con nacionalidades históricas e demais autonomías incluídas), volver ser un dos principais motores de Europa, dixeron Mariano Rajoy e os seus acólitos, sen necesidade de relembrar aquí nomes e apelidos. A luz vai e vén como nas galernas aquelas que a neociencia climatolóxica nomea “cicloxénese explosiva”, e cada unha coa súa liñaxe ou “denominación de orixe”, coma calquera viño que se preze. A esta última que veu a amolar moitas da xornadas do Entroido, chamáronlle “Cristina”; seica está a esmorecer.   
Coas devanditas consultas para ocuparen uns e outras e os posíbeis escanos na UE, de que ía falar o neto do autonomista galego Mariano Rajoy Leloup? 
Cabo de todo, axiña pasarán os días e chegarán aos pronomes outras romarías. Chegará o Papa Francisco a Santiago, e alí estará -como non!- Alberto Núñez Feijóo, amosándolle os progresos da nación negada. E canda a el, falando ou non en galego, a metamorfose do nacional-catolicismo español. A quen van votar vostedes nas próximas de abril?  Logo das enquisas do enunciado, virán os sempre exquisitos da estatística. 

Te puede interesar