Opinión

Estado da nación

Onte, no casarío da  Carreira de San Xerome madrileña -enténdase ben-, Mariano Rajoy Brey, ex rexistrador de non inútiles propiedades, a la sazón, presidente do goberno español do que non poño en dúbida que vostedes han saber moito máis ca min, digo, falou do “estado da nación”,  é dicir do que a el lle conviña falar para substraer sutil e solerte a realidade deste anaco do imperio capitalista adscrito, logo da “longa noite de pedra” á Unión Europea (UE) que outrora fora aquel Mercado Común (MCE), eu creo que moito antes de fundaren/enxergaren  eles o FMI, BM, BCE e OMS, e non outras piedosas organizacións non gobernamentais, mutatis mutandis,  que un non acerta a comprender, e tantas veces entende como autocrítica cínica e perversa do capital que no inferno pon a calquera deus por bandeira, entre feiras, festas e disparatadas romarías, onde os coxos andan galanos e os cegos ven de contado, como os da ONCE, que xa non se debería de chamar así, e moito menos “organización benéfica”, precedente do sinistro franquismo que un lembra como lotaría da pioca nas portas do mercado de San Domingos e na rúa Bolaño Ribadeneira no lubre posaugusto frío, tristeiro e sentimental, sen chulos e sen floristeiras  coma no poema de Gil de Biedma. Pero hai que recoñecer que o mundo é un proceso evolutivo en contradición constante, tal que a explica a física doméstica, que é o mesmo que dicir quen te viu e quen te ve! 
Non atendín á proposta do enunciado, e sospeito que na mímese patética aquí, autonomía e nunca nacionalidade histórica que o mesmo Núñez Feijóo agacha han facer outro tanto de semellante orquestra, cando lle cadre, logo de que o premier da comunidade autónoma –eremitoria galega- dixese en Al-Andalus que “la Transición se completará cuando el PP gobierne en Andalucía”. 
Ouvín que ETA e a consulta soberanista serían no Parlamento español os foguetes de artificio principais de Rajoy e os seus acólitos. Cando remate esta columna, saberei se a proposta foi exactamente esa, cunhas pingas de esperanza para un futuro-próximo que o Señor Presidente albisca de felicidade e progreso, “creación de emprego” e entidades da ladroíza con mellores e máis humanas palabras. 
Quen podería dar máis por tan pouco! Cecais a trilería oficial e oficiosa que tan ben representan as mulleres e os homes subscritos dende moito antes de nacer, á “unidade de destino en lo universal”, exabrupto fascista que empregan decote para negar o obvio, o tautolóxico, abeirándose no paraugas –este febreiro non louco- da Unión Europea, cabo doutros paraísos artificiais. Pero os barcos -como antano para outros as árbores-, non lles deixan ver o mar, e a unha hipérbole esfiañada prosegue outra, cal se tratase dun concurso de despropósitos e outros saldos que arestora regresan como pesadelos dun home que vai e vén, entre pílulas diversas de co-pago para benzón do desherdo. 
Creo que un día da historiografía española, o antifranquista Claudio Sánchez Albornoz-Menduíña, do intempo do Morrazo, escribiu “España: un enigma histórico sin resolver”;  cecais for polo Apóstolo que veneran –in pectore- tantos e tantas cada 25 de xullo no mediodía de Compostela, nunca nós-outros, por máis que na Europa e menos distante, inventen e descobran camiños, cando non a Roma, si a Santiago, unha luz melancólica nos empardecidos de Occidente, para chegar antes a ningures e outras lilailas da vida e da morte. Proseguen desafiuzando, sen deixar de cobrar a luz nosa de todo-los días, este inverno e xa Entroido de máscaras e mómaros. 
Pola Porta do Sol asoman os neomerdeiros da Ribeira do Berbés. Transcorre un día cabo doutro.

Te puede interesar