Opinión

Días de abril

A evocación cecais non serva para nada, pero memoriar é a substancia do homo que vive e procura

Érguese Lázaro do seu soño e albisca o Alba no que outrora houbo castelo medieval e hoxe ermida á que xa non van os romeiros aderezados de domingo e luz inmisericorde de agosto como na novela de Faulkner que volvera ler nunha taberna das Corbaceiras onde o Gafos entra maino no Lérez. A evocación cecais non serva para nada, pero memoriar é a substancia do homo que vive e procura. Vén aí o 14 de abril que xa non é de 1931 cando na España a historia proclamara a República, e aínda tampouco eran xornadas de “Semana Santa”, que o FP non prohibía, nin sequera porparte de Elpidio Villaverde, na listaxe de Castelao e Bóveda, da que se arredaran Vicente Risco e Filgueira Valverde, este de maneira ben distinta, que decontado fomos amigos puntuais máis alá de encontros e desencontros, e aínda lle levamos pampullos e mapoulas á necrópole de Mourente.
 

Van alá oitenta e tres anos e cinco máis da derruba pola infamia. Non vivimos aquela historia que proterva contan os estafadores, trileiros e tafures de calquera Missisipi da vida, entre debes, haberes e escasos saldos. Capital igual a interese por redito e tempo, aprendéronos a sangue e fogo nas escolas da “longa noite de pedra”; Historia de España, Sagrada. As mulleres son suxeitos pasivos, devotas e beatas en calquera camiño, dicían no ambón os gardiáns do nacional-catolicismo aínda vivo neste século XXI da democracia burguesa e monárquica restaurada polas Cortes franquistas. Aquí só se invoca a Constitución cando lle convén ao status quo representado polos señoritos de sempre en autonomías e silenciadas nacionalidades históricas. É evidente que estou a me referir, poñamos por caso, ao “funeral de Estado” que esoutro día celebraron en Madrid na fábrica da Almudena, onde Rouco Varela dixo o que vostedes saben mellor ca min, e un manifesta que ese e outros actos oficiais diversos e semellantes violan a Carta Magna que salienta a aconfesionalidade do status que en primo lugar debería respectar El-Rei, sen que ninguén lle impeda, en calquera caso a liberdade da súa crencia, que non debe sobardar o íntimo e polo tanto privado, norma de conduta que han respectar mulleres e homes que logo da epístola teñan responsabilidades en calquera administración, sexa do goberno central, autonómico ou municipal. A calquera procesión e/ou memento, poden asistir de corazón ou non, calisquer ser humano, da crencia e liberdade que sexa, pero xamais en representación –insistimos- do Estado aconfesional que regra o documento co que tanto enchen a boca de falar, así Mariano Rajoy como Pérez Rubalcaba, aínda que logo da misa, o PSOE quer regulamentar o obvio que outrora da historia da democracia española tampouco eles cumpriron.

Recorrerase á tradición católica española,  e os expertos/as ou non en Dereito constitucional, invocarán libremente ao seu deus, in pectore, que cada persoa ten un aínda que sempre concorren no mesmo, como na Trinidade que mentaba doutra maneira o vello Platón, moitos anos antes de chegar ao mundo Xesús de Nazaret, a quen se vai recordar sen ir máis lonxe aquí en Vigo.

Te puede interesar