Opinión

A Constitución española

Mulleres e homes temos dereitos (e tamén obrigas) que abriga, ampara ou abeira a actual Constitución española, escrita e proclamada despois da morte de Franco, con cuxa carta pactada e redactada por distintos persoeiros de aquí e alí, incluídos os comunistas que tanto deostaba o “Caudillo de España por la Gracia de Dios”. Enumeralas aquí, ao pé da letra, non é a miña intención, nin moito menos nesta fría mañá de primavera, xa case abril de cucos e limoeiros petando nas portas e poxigos deste marzo marceliño e marzal, se me permiten a aliteración, a liberdade de escribir coa música de fondo da Constitución española que vai e vén nas raias e nas bocas que foron elas. Que a carta magna foi no seu día un encaixe de fina puntilla para asentar a democracia burguesa lonxe da ditadura fascista que gobernou a “unidad de destino en lo universal” ata ben entrados os derradeiros albores do 70 e século XX, non quere dicir a palabra de calquera deus que para ben ou mal calisquer homo leva dentro, e así tantos deuses con avinzas e acordos, entre os que salientara a liberdade sempre condicionada pola outra, que o pobo sancionou cos seus votos a favor, en contra, e mesmo en branco sobre negro. Con todo, contradición e ambigüidades eran e sonlle evidentes, do mesmo xeito que monarquía é o antagónico de  democracia, aínda ca primeira non deixe de se ocultar na segunda nos seus discursos ad hoc, como o vello Lampedusa máis ou menos lle propuña ás castes privilexiadas para non ter que mudar a súa condición: “Temos que cambiar algo para que todo prosega  igual ca sempre”, palabras pronunciadas en italiano e traducidas ao noso idioma que tan pouco defenden e tanto ignoran un fato ou morea de persoeiros adheridos á comunidade autónoma/eremitoria galega, que por achantar ata silencian espavoridos a nacionalidade histórica que é Galicia –Gallaecia- que mesmo proclama a Constitución, entre Diegos e digos, sen nos esquecer de Catalunya e Euskadi, a ceo e agra aberta, cal aquelas paisaxes inmóbiles que retrataba inocente a pintora María Antonia Dans, entre Oza dos Ríos e Teixeiro, de camiño aos planaltos de Sobrado que foran dos freires anacoretas, onde pasou algúns días da súa vida -contan- o celanovés Rosendo e/ou Rosende, un dous poucos galegos a quen se lle recoñece o don da ubicuidade, aínda que de certo non andara na procura das rendas por tantas xeografías como a pía tradición asevera. 
A todo isto que xa levamos escrito, un coida que a ninguén se lle escapa que estamos a falar de Catalunya verbo da “consulta soberanista” pola que devece e loita a habelencia independentista catalá de Artur Mas. Apurado por uns e outras, o goberno español que preside Mariano Rajoy, encárgalle ao TC que ditamine sobre a legalidade ou non da proposta dentro da Constitución, e loxicamente o Alto Tribunal advirte que é incorrecto, improcedente, aínda que deixa aberta a billa da reforma da epístola logo da sentenza, aínda que a maxistrada Encarna Roca subliñe nunha entrevista en TV3, entre outros considerandos,  que a “la declación de soberanía del Parlament no es correcta, pero que también es absolutamente correcta” (sic) “este es un problema político y son los políticos,  de acuerdo con el principio de diálogo, los que deben acordar de qué nanera se puede llevar adelante este proceso”.
A présa, mutatis mutandis, non é boa conselleira, pero un ben sabe que tantas xeiras é  essentia do ser humano, por distintas razóns que arestora veñan ou non a conto. O público e necesario esmorece, eslúe, igual que inconstitucionalmente esvaecen o dereito ao traballo, educación,  sanidade, e a unha morada digna que en ningún caso poida ser arrebatada pola protervia da usura sen fronteiras que non denuncian os señoritos de toda a vida, sen animosidade pexorativa a tan tristeira condición de bos e malos, ricos e pobres; bocas de sempre pedir e nunca nada dar.

Te puede interesar