Opinión

Paz e relacións humanas

Cando falamos de paz nas relacións humanas?  Cando a súa dinámica é positiva, cando apuntan a unha integración benfeitora, cando potencian actitudes auténticas de acollida leal, cando favorecen a comprensión mutua, cando apoian o proceso de maduración de cada un, cando son expresión verdadeira dunha comunicación aberta, cando estimulan o esforzo por lograr a constancia na realización do ben para todos, cando se considera que a existencia dos demais forma parte da propia vida...
 ¿Que aportan á humanidade unhas relacións pacificadas?  A riqueza das propias vivencias mellorada ao compartir as dos demais, a posibilidade de crear e alimentar un entorno intensamente favorable ás persoas, a gratificación íntima da benquerencia, a sensación profunda dunha fecunda aceptación, o avance progresivo no proceso dos grupos, a esperanza activa dunha prospectiva estimulante...  ¿Como se poden lograr estas metas?  Pensando máis nos outros, apreciando os valores dos demais, traballando arreo por ser e vivir máis ca por ter e amorear, moderando os afáns por conseguir o secundario, esforzándose por atemperar as tensións, superando as incitacións á violencia, dominando as reaccións de intemperanza... 
 ¿Quen o conseguirá?  Quen aprecie a vida sobre tódalas cousas, quen supere as limitacións e ataduras do instante presente, que se faga consciente de que a dimensión social é verdadeiramente central para a vida humana, quen viva en harmonía activa consigo mesmo e cos demais, quen sexa coherente co sentido trascendente da propia historia...

Te puede interesar