Opinión

Beirarrúas...

Moitas beirarrúas da nosa cidade están materialmente ocupadas en moitos treitos por mor dun negocio que debe ser pingüe. Son deles as beirarrúas?  Son nosas, de todos?  Diríase que son deles, dos negociantes que as explotan; duns e máis de outros. Nós pagáms as reparacións, cando as fan!; e pagamos tamén as sobrevaloradas consumicións. E uns poucos aprovéitanse do bo tempo e da nosa amplísima paciencia.
O caso é que os comensais (máis ben “bebensais”) acomódanse ampliamente, ben estirádas as pernas para favorecer a circulación (do seu sangue, se entende); ao mesmo tempo non lles importa castigar as súas vértebras, arqueándose galbáns na súa cadeira. Acomodan, tranquilos, carriños de bebés; e mesmo mateñen acubillado o seu canciño. Os camareiros móvense con soltura polo estreito corredor que separa, escasamente, as ringleiras de mesas e cadeiras.
Se vostedes van de ganchete, non teñen máis remedio ca poñerse “en fila india”; recorde que se lle complicará a travesía se lle toca pasear o seu bebé. Diranlle que é un treito curtiño... Ademais, vostedes vanlles axudar aos sentados a renovar a súa conversación: mira eses, o seu traxe, a forma de andar, e se tedes a mala sorte de tropezar cunha cadeira...
Din que é un negocio para o concello: repercutirá nunha rebaixiña dos impostos de todos?  Quero esperar que sirva tamén para ter as nosas beirarrúas máis niveladas, sen baldosas soltas, limpas... por que non soñar?  Para que se fan as beirarrúas?  Non se podería deixar o espazo, de seu xa ben escaso, para disfrute de tódolos cidadáns?  Por que se lle da tanta prioridade a intereses privados e disfrute de tan poucos?  Non se poderían arbitrar fórmulas máis asisadas?  De quen son e para que son as nosas beirarrúas?

Te puede interesar