Opinión

Todólogos que peroran e peroran

O outro día un amigo, un bo amigo, confesábame o terror intelectual que lle causaban os todólogos; esa xente que de todo fala, que de todo entende e que sobre todo opina. Non quero deixar de dicir que a min a palabra todólogos antolláseme non só correcta senón tamén e a maiores indicada; moi indicada pola carga de ironía que contén a pouco que a pronuncies co debido sonsonete e sen necesidade ningunha de revirar o rebique do beizo e deixar que asome un dente cairo. 

A primeira persoa a quen lla escoitei, foi a Xosé Luis Barreiro, o primeiro e fundamental vicepresidente do Goberno galego que, xunto con Ceferino Díaz, non o esquezamos, teceu os vimbios cos que se construíu o cesto administrativo autonómico. En realidade non lla escoitei, senón que lla lin; o que non ven sendo mesmo porque as palabras voan e do escrito queda constancia impresa. Foi lela e quedarme con ela. Hoxe e pra empezar boto man deste recordo.

Porén, cando crin que non podía millorala, que non había millor palabra que definise a condición de todologo, chegou Xosé A. López Silva e, falando a conto deles, dos todólogos, contoume o sucedido con un que se presentou nunha emisora de televisión disposto a que o contrataran como tertuliano nos seus programas de debate. Cando o que o recibiu lle preguntou en que era experto, o aspirante, sen dilación e polo que se ve tamén sen pelos na lingua, contestoulle moi cheo de razón que il era “un experto na totalidade”. Veleiquí temos a condición do todologo perfectamente explicada. Un todologo é un experto na totalidade. Admítense suxestións, a ver se hai alguén que o millore.

Expertos na totalidade! Aí queda iso.

O finado do meu pai, cando se puña rosmón e deitaba queixas coma quen verte auga nun mar inmenso, ou sexa, sen que se note moito, adoitaba sinalar o feito, nun principio tan oposto, de que neste noso país tododios sabía de dereito e de medicina, mentres que se marabillaba do espectral silencio que sempre acompaña ós vellos xubilados, contempladores asiduos das obras en construción, maiormente nas primeiras horas de cimentación e fundamentación dos alicerces que haberán soster o conxunto a edificar.

Aqueles tan laretas, tan expectantes estes.

Os vellos limitábanse, seguen limitándose á unha silente contemplación debida acaso a seren vellos e ou quizais por estar cheos de experiencias frustradas e ser sabedores de que un é dono dos seus silencios, pero nunca das súas palabras.

Debía ter razón o meu vello. En tanto experto como pulula polas emisoras de radio e de televisión non abunda a xente de idade, senón que máis ben todas esas son xentes de mediana idade cando non mozos que a penas están rompendo o cascarón do ovo académico do que proceden; no millor dos casos, porque malia que ovos lles boten bastante ó asunto, a formación académica adoita brillar pola súa ausencia. 

Dende a traxedia tinerfeña, millor dito, dende a barbarie acaecida en Tenerife, non hai aínda moito tempo, posto que aínda a traxedia colea e espernexa, axita e conmove, os expertos na totalidade levan demostrado que non só saben de medicina e dereito, senón que os seus coñecementos abranguen os máis dos diversos saberes. O peor non é iso, o peor é que nos bombardean con eles en total impunidade sen que ninguén lles poña couto. Son falabaratos que repiten e repiten frases feitas e conceptos manoseados deica a náusea a forza de repetilos sen ter reflexionado nada a cerca deles.

A maioría dos todólogos peroran e peroran encol da violencia machista, condenándoa, como non debe ser menos, pero reducíndoa a ese estrito reduto existente no idílico (non sempre, desgraciadamente) ámbito familiar no que, según parece se resume todo e cada un repetise o seu rol coma se non fose posible outro; como se non houbera mulleres que lles baten ós seus homes; poucas, pero hainas; outras que os torturan psiquicamente, algunhas máis; ou outras que mesmo os envelenan de a pouquiños en porcentaxes ou descoñecidos ou a ocultar, porque haber hainos. Vaia se os hai. Un home que mata ós seus fillos, que logo mata a súa muller e que logo se suicida el, é un asasino, sen dúbida, pero é un maltratador, que o é, ou cabe tamén a posibilidade de considerar que fora el mesmo igualmente e dalgún xeito maltratado? Puidera ser el mesmo unha vítima de algo?

Hai que condenar o maltrato e hai que condenar ós maltratadores, sen dúbida algunha e coa maior firmeza. Pero a todos. Sen entoar sempre a mesma salmodia e a penas sen coñecer a fondo os feitos. Vai sendo moito horas de que a vara de medir sexa sempre a mesma sen previo e teimudo exame das causas reais porque ocasións hai nas que parecería que non sexa aplicable a mesma peneira a tódalas situacións que se producen.

É evidente que existe unha enorme desproporción entre a delincuencia masculina e a feminina. Hai máis malas bestas entre os homes que entre as mulleres, entre os pais que entre as nais. Pero iso non xustifica, nin moito menos, que non se teñan nunca e conta a totalidade dos datos a manexar e se condene, sen máis paliativos, sempre a unha parte da parella e nunca á outra. Semella unha actitude demasiado cómoda; ou dito doutro xeito: en absoluto incómoda, posto que vai fomentar a anuencia dos non pensantes e establecer uns códigos de conduta que non reflictan a máis crúa realidade do seu humano. A de que a súa racionalidade sexa este macho ou femia sexa, á súa vez, unha fermosa hipótese de traballo.

Te puede interesar