Opinión

O servizo da Banca

Os bancos, ou se o prefiren, a banca sempre foi considerada un servizo público; é dicir, algo necesario no seo da sociedade. Grazas a elo, entregabámoslle os nosos cartiños pra que gardase os nosos aforros e pra que, con eles, axudase ó desenvolvemento económico do noso país prestándollos ós nosos emprendedores. A cambio ela, obtiña uns beneficios e grazas a eles nós recibiamos uns intereses por ter depositados as nosas pesetas nas súas sucursais.
Tanto ou máis que pra nos favorecer na entrega dos cartiños e na tramitación das nosas facturas, das nosas débedas ou das nosas letras de pago, por exemplo, os bancos abrían sucursais todo ó longo e ancho da nosa xeografía. Esas sucursais eran coma nasas de centolas e de nécoras, ciscadas polo mar da emigración, das vilas máis distantes, nasas nas que entrabamos felices e contentos pra pagar os nosos recibos, pedir os nosos préstamos ou cobrar as nosas pensións. Nelas había un persoal eficaz e amigo, case que sempre composto por veciños nosos, que nos coñecían e atendían con dilixencia e efectividade, mesmo tamén con confianza e amizade. A cousa non sempre era tan idílica, tan paradisíaca, porque sempre houbo, hai e haberá senvergonzas e canallas.
En función de todo isto a banca era considerada coma un servizo público. O Estado atendía ás súas demandas cada vez que a ocasión o reclamaba motivada por unha ou por outra crise, por esta ou por aquela desfeita; e dicir, inxectáballe cartos, como se fosen penicilina antibacteriana. Auxiliabaa cos nosos cartos, os recadados co cobro dos nosos impostos obtidos grazas ó noso suor. Traballar, algo fai suar, como ben saben, non moito, pero bastante.
A última ocasión que o asinante recorda, porque puido haber outras que ignore, foi a xestionada polo entón presidente Zapatero arredor do 2011: uns sesenta mil millóns de euros distribuídos entre varios bancos, cuxos nomes serían dados a coñecer no prazo duns meses ó mesmo tempo que as cantidades percibidas por cada un deles. Dende entón o proceso seguido pola banca non ten moito ou nada que ver co que se veu describindo ata hai un parágrafo. Nin sabemos que bancos recibiron diñeiro, nin sabemos que cantidades recibiron cada un deles. Sabemos que pouco a pouco os bancos foron alterando o compromiso social que se daba por sentado.
Primeiro desapareceron as letras de pago e iso axudou non pouco a que fose desaparecendo pouco a pouco o comercio de proximidade, aquel que atendía xente coñecida e que nos prestaba a prazos e empezáronse a xestionar estes a través de entidades ás que, eu por exemplo, nunca lles vimos a cara. Mentres tanto as tarxetas de crédito íanse impondo coa falsa facilidade que che daba o mercar con elas, ata que aprendiches que a dificultade sobreviríaseche enriba a fins de mes, cando procedesen ó seu cobro aplicando, os intereses oportunos. Seguiulle a domiciliación de nóminas e pensións e, a continuación, pecharon o cobro de recibos a calquera hora e de calquer xeito, fixando pra elo unhas horas non asequibles pra todo o mundo. Pero seguro que, co afán de abreviar me vou esquecendo de algo.
Logo empezou a historia esta da Internet e fomos amablemente convidados a realizar as nosas transaccións e pagos dende o leceroso sillón da nosa casa; ou sexa, que o traballo que antes levaban a cabo un señor ou unha señora coñecedores eficaces dos trámites a seguir, cobrando por elo e pudendo así manter unha familia, agora facémolo nós, gratis, colaborando eficazmente a que a banca vaia despendido alegre e tranquilamente unha morea de traballadores sen que aquí se mova nin sequera un plumón de pomba levado dunha suave brisa.
O paso seguinte foi comezar a pechar sucursais. Pra que mantelas se o espelido cliente pode levar a cabo, dende a súa casa e gratuitamente, o traballo dun bancario? Tan é así que podes realizar, pese ó tempo que che leve e coas dificultades que te tropeces, todo tipo de operacións sen te mover da casa. Claro que non momento de consultar unha dificultade e chamar por teléfono ou solicitándoo a a traves da propia Internet, ninguén che vai facer puñeteiro caso... na maior parte das ocasións. É evidente que o servizo público cambiou de dirección, agora é o público ó que está ó servizo da banca; dunha banca que a sabendas cobrou, non sei se o segue a facer, comisións ilegais pra devolvelas sen chistar na primeira reclamación que se fixere. Parece ser que a maior obtención de beneficios cifrábase nesta práctica.
E que é o que sucede das vilas e nas aldeas? Pois que as nosas xentes de maior idade non só non teñen Internet, senón que mesmo non teñen ordenador nin saberían manexalo e, agora e aínda por riba, tampouco non teñen unha sucursal bancaria próxima que lles preste o servizo pró que foron creadas... a maiores daquela súa ocupación pesqueira, recorden, de nasas lagosteiras. Imaxinémonos o inverno que se achega, as dificultades de desprazamento dun ancián necesitado da súa pensión, as colas diante dun caixeiro automático, máis ou menos próximo; a cantidade de dúbidas e coñecementos que non se lle van aclarar nin a impartir e pensemos que, si xa non se presta un servizo público, estará chegada ou non a hora de que o Estado, e quen no noso nome atende á súa gobernación, tome cartas no asunto a favor da cidadanía e non dos bancos. Sobre os mesmos bancos sobre os que hoxe tan escaso poder, control e influencia exercen. Como é posible que se venda un banco por un euro e o seu presidente se vaia tan tranquilo á súa casa cunha pensión de vintecatro millóns de euros?
Non se está reclamar a nacionalización da banca, a creación dunha banca pública única, que tamén ten os seus perigos. Estase a pedir un control exercido polo goberno sobre a banca privada de modo que non suceda ó revés, E que sucede? Pois da toda a impresión de que, quen goberna e controla é a banca ó gobern e, a través del. á cidadanía.

Te puede interesar