Opinión

Falantes de galego de antonte, ú-los?

Antonte fíxose, nesta “apartada orilla en donde la luna brilla y se respira mejor” -se é que os lectores me consenten mal remedar ó clásico representado no véspera de defuntos e botar man del por non ter outra cousa coa que facelo- unha referencia ós espléndidos artigos que Lois Caeiro está a publicar na súa sección “Los unos y los otros” ou nas tamén súas “Cartas al director”.

Un deles comezaba sinalando dende o laconismo e a ironía, dese don do que moito se carece por aí embaixo según un se vai baixando ó moro, que “Núñez Feijoo es un criptonacionalista que inicia la marcha hacia la independencia. En Galicia se arrincona el español. Soberanas tonterías , ¿maldades?, como esta se podían leer en las redes, días atrás, con la reproducción de un titular de El Mundo: “Feijoo exige el gallego como requisito obligatorio para ser profesor.” 

So cabe a posibilidade de que, carecendo de ironía, o director dalgún xornal de por aí embaixo, e mesmo algún outro de por eiquí enriba, se atreva a reproducir o artigo en cuestión... se é que, a calquera deles, se lle pasa por alto continuar lendo o artigo de Caeiro ata o seu derradeiro punto e a parte, ou sexa ata o seu punto e final. Aínda peor, máis dun atribuiría o conxunto do texto, a causa do seu laconismo, a unha excesiva inxesta de lacón con grelos, acompañada de bo viño do Ribeiro, e non ó escueto e certeiro dun texto carente de grandilocuencia e adxectivacións que adoito resultan excesivas. 

Referíndose ó titular sinala Lois Caeiro que a decisión do presidente galego “sería para corregir lo que sucedió con mis hijos; les impartían la asignatura de gallego en castellano. Así salimos mudos para lenguas en España”. O artigo non ten desperdicio e non está feito pra que o seu contido sexa loubado dende as instancias esperables senón debidamente dixerido por aquelas outras ás que se lles poida atragantar porque o certo é que pon en evidencia unha actitude que, a estas alturas, xa debera estar debida e totalmente superada. Pero non é así. Porque o certo é que estamos retrocedendo a marchas forzadas. Non é só que o castelán se impoña (leva séculos facendoo) senón que o galego retrocede. Non abonda con que unha casta de señoritos madrileños se impoña, citados sexan así pra resumir unha actitude compartida por moitos, entre eles esa compaña de moitos con aspiracións de selo, de ser señoritos ós que a servidume lles lave a roupa espiritual interior, non abonda con esa casta senón que nós, contando entre nós con émulos de casta tal, contamos tamén, por se non fora abondo, cunha costra intelectual empeñada dende hai anos e confundir a súa propia realidade coa colectiva e plural; o que lle levou, durante demasiado tempo, a afirmar que todo navegaba vento en popa, que o noso, o seu mundo era marabilloso, mentres axudaban eficazmente a convencer á xente de que, o idioma que a xente conservara ó longo dos séculos, estaba mal falado e que habería que falalo tal e como eles lle indicaran.
Foi así como, durante demasiado tempo, demasiados docentes se empeñaron en exixir total corrección na utilización do infinitivo conxugado ou no uso correcto dos pronomes átonos, por non poñer máis exemplos; algo que está moi ben, pero sempre que un non se esqueza de inducir o amor pola literatura, pola lectura da escrita en galego, como maior e fundamental vehículo de implantación e asunción do idioma. Só asumindo este feito poderá un admitir a gran colaboración prestada á diminución de coñecedores e utilizadores da nosa lingua máis propia padecida durante os pasados lustros. Acordase alguén daqueles noventa e tantos por cen de persoas coñecedoras e falantes habituais do galego? Ú-los?

O artigo de Lois Caeiro ven recordármonos este feito a través dun texto escrito en castelán de modo que, facéndonos reflexionar a nós, ós “convencidos”, consiga que tamén o fagan aqueles que se negan a dicir Sanxenxo e non dubidan na pronunciación de show, pola banda da Bretaña, ou na de cheveu ou cheval pola da Galia; e non se sinala máis co dedo porque de neno me advertiron que facelo é cousa de mala educación e por hoxe xa vai chegando.

A política cultural non consiste unicamente na conversión do departamento gobernamental correspondente nunha mal entendida comisión municipal de festas responsable da programación de feiras e verbenas, fogos de artificio, sexan do apóstolo ou de San Benito bendito (refírome ó de Allaríz, naturalmente) ou de concertos de vellas glorias raphaelianas. A política lingüística, menos ineficaz ca cultural, por certo, tamén tería que redimensionarse dalgun xeito que a fixera voar máis alto do que ós servidumes debidos coas institucións oficiais lle aconsellan ou permiten. A edición de libros está moi ben, pero hai máis xeitos de facer política lingüística. O mesmo lle sucede ó Consello da Cultura Galega que, dende a autoridade institucional que lle recoñece e concede o noso Estatuto de Autonomía -o Consello, xunto co goberno e o parlamento, disfruta da condición de órgano estatutario con autoridade e funcións definidas- debería ter exercido, todo ó longo dos seus longos anos de existencia, unha presión institucional que debidamente controlada e do xeito máis prudente e cauteloso, inducira á conservación das nosas tradicións máis firmes e ata o de agora ben asentadas, amén de manifestar a súa opinión en calquera outro tema de transcendencia socio económica ou política. 

Sen tradición non hai cultura e con máis frecuencia da debida este precepto ou, se así o prefiren, esta verdade é cando non esquecida si deixada de lado, ás veces mesmo de xeito deliberado e consciente. Oxalá artigos como o de Lois Caeiro, escritos dende a templanza e o compromiso con nós mesmos, se prodiguen de xeito que por unha vez camiñemos, uns e outros, ó par porque, se non, imos aviados.

Te puede interesar