Opinión

O dereito a non elixir

Sempre temos que estar xustificando algo ou, o que é case que peor, elixindo algo. Non sei -un non o sabe todo, afortunadamente- se o dereito de elección estará ou non así de especificamente recoñecido nos Dereitos Humanos. Pero debería estalo. Aínda máis, deberían estar recoñecidos todos os dereitos case que dun en un, de xeito que puideramos numeralos e buscalos na táboa correspondente. Os xudeus teñen estas cousas moi claras, moito máis ca nós que temos dez mandamentos ós que nos ater. Xa son bastantes. Eles teñen 613 Mitzva, seiscentos trece mandamentos, de xeito que sempre poden estar incumprindo algúns e desfrutando desa certa ledicia que a cotío produce a transgresión; por exemplo, un xudeu non debe comer o nervio ciático dun animal, o que case que quere dicir que, se non o sabe, alá vai pois pode que saiba a gloria bendita, dígoo eu e dígoo respectuosamente, conste. Tamén hai outro precepto que impide crer noutros deuses doutra relixión, senón so en Elohim, o que case que pode querer dicir que pode haber outros deuses. Nós non podemos crer noutra relixión, senón non nos salvamos, pero evitamos recoñecer que pode haber outros deuses. Eu teño un bo amigo que adora a Breogán, aínda que non estea convencido de todo da súa existencia real.

Pero non ía por aí a cousa. Sucede que, con isto da idade provecta na que cada vez un se afunde máis, vas e desvarías e querendo ir á Ziralla, acabas en Redondela. Do que ía a cousa era de que temos dereito a elixir; por exemplo, podemos elixir entre ser monárquicos ou republicanos. E poder podemos. Pero levamos corenta anos elixindo, cada quen no seu peto, sen que algúns poidan elixir non ter que elixir. E ise tamén é un dereito.

Dígoo porque teño un amigo, outro, que está farto de escoitar cousas a favor e en contra da monarquía e outras tantas a favor e en contra da república e di que el non quere elixir entre unha cousa e outra cousa, que el o que elixe é democracia e, ademais, explícao argumentando que o que el elixe é unha xefatura do Estado quen de controlar ó poder executivo e vixiar o lexislativo e mailo xudicial, controlándoos igualmente, arbitrando en debida forma sobre eles, mentres que eles tres poidan e deban controlar tamén ó xefe do Estado, sexa un rei ou sexa un cidadán normal. algo que ó parecer El-Rei non é de xeito que certos excesos e diatribas non se produzan coa donidade que estamos vendo que se veñen producindo dende hai anos. Non só por parte da xefatura do Estado senón mesmo tamén polos tres poderes que Montesquieu deixou definidos e que, malia a opinión en contra de don Alfonso Guerra, aínda están viviños e coleando. O meu amigo élles un pancista, que se lles dicía antes a este tipo de individuos que sempre expresan os seus desexos, mesmo o de elección, escollendo que “eiquí paz e despois gloria” ou, como di Bieito Ledo, haxa paz e coza o forno. 

Te puede interesar