MANUEL PENÍN PINTOR

“Vai haber un contacto moi forte con Nova York a partir de agora”

Manuel Penín traballando no retrato dunha xoven, en Nova York.
Manuel Penín traballando no retrato dunha xoven, en Nova York.
“Vai haber un contacto moi forte con Nova York a partir de agora”

 "Ola, son Manuel Penín un artista español, podería facerlle un retrato?". Así se presentaba o artista ourensán nas rúas de Manhattan ante os neoiorquinos. Non era un retrato calquera o que ofrecía. Era un retrato dunha soa liña e en dez minutos. Era a continuación de "Human Matter", parte da súa obra vital que comezou en Galicia, tomou forma en Berlín e se perfeccionou na Quinta Avenida. 
Penín amplía as miras da súa obra no reflexo dos ollos dos neoiorquinos e cóntanos o seu vindeiro proxecto coa ONU: unha serie de retratos de mulleres do Congo deseñados para ser exhibidos nas fachadas dos edificios da Gran Mazá.

Non sei se o fixo á mantenta pero “Human Matter” pode entenderse de dúas formas. “Matter” como nome é materia, e sería entón “Materia Humana”. Pero “Matter” como verbo significa coidar ou ter en conta, podería  traducirse libremente por “o Humán Importa”… gústalle?
Pois si. Non o tiña pensado así pero desde logo que encaixa, porque o proxecto e iso, é para abrazar a todo tipo de persoas, sexo, idade, condición social, raza…inclúe a todo o mundo. Nunca lle direi a ninguén que me pida un retrato que non, aínda que me entrañe algunha dificultade.

Como arranca este proxecto? 
O artista Xesús Vázquez plantexounos facer algo absolutamente oposto ao noso traballo previo. Eu facía mancha e cor, e isto é liña e branco e negro. Ao principio non me saía nada e 11 anos máis tarde en Berlín, mentres falaba cun amigo, debuxei unha cabeza dunha soa liña e dinme conta de que ese era o camiño. A partir de aí saíron 400 retratos que se exhibiron en Ourense e Santiago e agora sigo o proceso en Nova York.

Hai diferentes olladas segundo onde estea? Compostela, Berlín, Nova York…
No primeiro minuto si, pero logo xa non. Somos dúas persoas mirándonos aos ollos e no fondo todos somos o mesmo. Cando un deixa de pensar e comeza a sentir a quen ten diante todo conecta e é moi fermoso realmente.

Como é a reacción dos neoiorquinos cando os para pola rúa e lles di que lles quere facer un retrato dunha liña en 10 minutos?
A xente está moi aberta aquí en Nova York, é moi amable. A reacción é case instantánea porque o que descubrín aquí é que as cousas se fan no momento, é un agora ou nunca, quedar para máis adiante significa case sempre perder a oportunidade para sempre.

Como é a reacción posterior ao ver o retrato?
Polo xeral a xente sorrí e identifícase co retrato, iso é sinal de que a cousa foi ben. Eiquí ademais subín o nivel. Son moito máis preciso ca antes. A velocidade desta cidade non permite repetir así que esa presión do tempo me fixo mellorar.
Estamos diante dunha serie retratos que non ten fin…ou si?
Salvo que eu decida, non. De feito penso no seguinte paso. Estes retratos de Nova York xunto cos de Berlín exporanse en Santiago e pode que fagamos algo en Madrid e Nova York. Na primavera  esperamos levar o proxecto ao Congo. Sería retratar con esta técnica a mulleres que foron violadas na guerra e logo expoñelo nas Nacións Unidas. É un proxecto moi potente. Estas mulleres normalmente non se deixan fotografar pero isto é diferente, e con estes retratos podemos denunciar a súa situación e axudar a ONU a poñer o foco sobre o que pasa alí.

Si, e que a Secretaría Xeral de Antonio Guterres na ONU estará marcada ademais por dúas palabras: Paz e Muller.
Si, de feito foi a proposta da ONU. Hai unha animación dixital dos retratos na que se pode ver como vai medrando o debuxo desde o principio. A idea é proxectar estes retratos das mulleres do Congo cun láser sobre unha gran fachada en Manhattan e iría acompañada por unha exposición de retratos na ONU. Quedan cousas por pechar pero esa é a idea principal. 

Como se ve Nova York cos ollos dun artista?
A nivel artístico é unha bomba. É como que está en ebulición, o máis potente do mundo está aquí, desde as grandes galerías, ata os museos, ata as galerías máis pequenas perdidas pola cidade que son xoias. Non da tempo a abarcala. Levo máis de dous meses e aínda estou empezando a coñecela.

Plantéxase fixar a túa residencia en Nova York como fixeron outros artistas galegos nestes últimos anos?
Pois a verdade é que  non me marco esas metas a longo prazo. Vou pouco a pouco, o que si esta claro é que vai haber un contacto forte con Nova York  a partir de agora.

Á marxe de “Human Matter” está pintando durante a súa estadía aquí máis cousas? Haberá Manuel Penín, etapa de Nova York?
Si, estou pintando aquí en Nova York, pero sempre penso que cando estás nun sitio novo traballas cousas do sitio anterior. Billy Wilder falaba disto pero a nivel emocional. Cando estaba contento facía dramas e cando estaba deprimido facía comedias. É unha forma de non facer no que estás agora. É como se agora estivera un cargándome, alimentando a batería para soltalo no futuro. Dito isto semella que Billy Wilder pasouno moi mal na súa vida porque fixo unha chea de excelentes comedias (risas).