Máis acento vigués na Academia de Belas Artes

Carlos L. Bernárdez ingresou cun discurso sobre a arte galega no tempo de entreguerras, da República ao exilio.

Foto de familia da Ragba, con Miguel Fernández-Cid, Mónica López, Carlos Bernárdez, Quintela Martelo, Felipe Senén e Victoria Carballo-Calero, en primeira ringleira.
Foto de familia da Ragba, con Miguel Fernández-Cid, Mónica López, Carlos Bernárdez, Quintela Martelo, Felipe Senén e Victoria Carballo-Calero, en primeira ringleira. | Vicente Alonso

Xosé Carlos López Bernárdez dende hoxe pasas a formar parte como académico de número na sección de expertos nas Artes no plenario da Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba), en nome da cal dámosche a máis cordial benvida”. Así, o presidente Manuel Quintana Martelo daba por pechada a asamblea extraordinaria celebrada onte en Vigo co gallo da incorporación do comisario e crítico de arte vigués.

Quintana Martelo destacou que na última década a institución renovou máis do 50% dos membros do plenario “buscando dende a excelencia aquelas candidaturas que incidan nun compromiso cunha visión contemporánea”. No caso de Bernárdez destacou como méritos “a claridade coa que puxo en relación arte e literatura e as súas crónicas sobre exposicións onde mestura contextos reflexivos sobre cuestións de actualidade e reflexións que presenta a debate”. Na súa intervención tamén quixo poñer o foco na necesidade dun grande Museo de Arte Galega, pese a xa existir importantes coleccións como a do Museo de Castrelos ou colección de Afundación, en Vigo.

Proposto por Asunta Rodríguez, Mónica López Alonso, Miguel Fernández-Cid, Din Matamoro e Xurxo Lobato, o académico entrante iniciou o seu discurso, lembrando a súa antecesora Ana Goy Diz, aos seus pais, Carme e Xosé, xa finados, amais de a toda a súa familia e amigos. “Non podo negar a emoción que sinto nunha xornada como esta. Quero destacar a ledicia de facer este acto na miña cidade, nacín en Areal e vivín a miña infancia e adolescencia no mesmo barrio, en Rosalía de Castro, onde o meu pai adoitaba desenvolver o seu traballo de fotógrafo”. Sinalou a súa formación na facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela. “Todos somos fillos do noso ambiente formativo e da nosa condición. Eu estudei na universidade pública na transición, un contexto que fixo posible o acceso a moitas persoas das camadas populares ao ensino superior como é o meu caso. Xa daquela percibía que a xeografía, arte e historia de Galiza estaba presente mais non cunha perspectiva nacional, o que foi obxecto das miñas primeiras reflexións sobre como entender o papel da arte”.

Iniciou deste xeito o seu relatorio de ingreso, reflexionando sobre a arte galega de entreguerras, da república ao exilio, pero dende unha visión do país, fronte aos ditames centralistas. “Sempre me preocupou unha lectura alternativa ligada ao lugar e ao espazo”. Considerou que o desenvolvemento da arte galega moderna e o propio concepto de arte galega “aparece ligado dende o XIX a unha idea de reconstrución de identidade colectiva”. A partir de aí foi reinterpretando o legado do grupo denominado Os Novos (Maside, Colmeiro, Souto, Virxilio Blanco, entre outros).

A académica Mónica López Alonso foi a encargada de darlle a réplica. Repasou os puntos máis significativos da súa intervención. “As salas grandes que conectan autores galegos non existen, o museo que recolla a historia da arte galega non existe e aquí é cando a investigación de Carlos Bernárdez se fai imprescindible, o seu discurso é unha barca á que subirse, un estudo profundo feito con aprecio”.

Ao acto, que finalizou cunha foto de familia, acudiu a deputada do BNG, Alexandra Fernández; a vicerreitora da UVigo, Adela Sánchez; da Fundación Penzol, Xosé Manuel Soutullo; o académico Xesús Alonso Montero; da Fundación Vicente Risco, Elvira Carregado; da Fundación Carlos Casares, Gustavo Garrido ou da Fundación Manuel Moldes, May Díaz.

Contenido patrocinado

stats