Laura Torrado: "Queremos ampliar o noso catálogo con árabe e ruso, hai un interese real por esas linguas"

Laura Torrado é directora da Escola Oficial de Idiomas de Vigo, que inicia novo curso escolar

Laura Torrado, na Escola Oficial de Idiomas de Vigo.
Laura Torrado, na Escola Oficial de Idiomas de Vigo.

A Escola Oficial de Idiomas(EOI) de Vigo afronta un novo curso escolar coa ledicia de que pouco a pouco volven ás cifras de alumnado previas á pandemia. A súa directora, Laura Torrado, fala sobre os retos de presente e futuro do centro.

Como valora a matrícula en los diferentes cursos?

Durante o presente curso académico temos notado un novo incremento na matrícula que confirma a tendencia ascendente de recuperación de alumnado dos últimos cursos. En xeral, estamos moi satisfeitos con este aumento, que nace da diversificación da oferta educativa que temos aplicado dende 2020 e da boa reputación do noso profesorado, quen aplica técnicas moi innovadoras nas aulas e iso atrae a alumnado de xeito constante mediante o boca a boca.

Cantos alumnos estudan polo menos un idioma na EOI? Segue a tendencia doutros anos?

Durante o curso 2023-2024, para o cal a matrícula nos cursos monográficos e no programa That’s English aínda está aberta, contamos con aproximadamente 5.400 alumnos e alumnas entre a sede central e as sedes de Cangas, Coia, Nigrán, Ponteareas, Redondela e Tui. A estes habería que sumar tamén o alumnado que se matricule para as probas libres, cuxa preinscrición está actualmente aberta ata o 20 de outubro, dado que as probas terán lugar, por primeira vez, no mes de xaneiro.

Cal é a lingua máis demandada este ano? Hai algunha con demanda ascendente?

O alumnado que elixe a EOI ten motivacións diversas, como poden ser o recoñecemento oficial das nosas titulacións, a oferta de linguas que non son doadas de atopar, como o chinés ou xaponés, ou a ampla oferta horaria. Por isto, os perfís de alumnado son moi específicos en relación á lingua escollida, e ningunha destaca entre as demáis como “máis popular”. Con todo, temos notado que cada vez o alumnado agradece máis ter opcións de formación especializada, como son os cursos monográficos que ofrecemos en alemán, inglés e italiano, e os obradoiros de actividades diversas, coma o de podcast e radio, os de linguaxes específicas coma francés para o turismo ou inglés académico avanzado. Estas opcións formativas están tendo moito éxito e animánnos a aumentar a oferta de cara ao segundo cuatrimestre e ao vindeiro curso académico. Practicar unha destreza concreta, como a fala e a escritura, ou un aspecto específico, como a pronuncia, a través da radio, sen a presión do exame, empuxa ao alumnado a participar nestes cursos con moitos folgos.

Cal é o perfil medio do alumnado?

Unha das riquezas máis grandes de estudar nas EOI é a da oportunidade de asistir a clase con xente de moi diversos perfís e transfondos culturais. Esta heteroxeneidade fai das nosas aulas un lugar para a aprendizaxe continua, non soamente de lingua, senón tamén de aspectos relacionados coa traxectoria profesional do noso alumnado, as súas vivenzas e a súa orixe. Se tivese que xeralizar, diría que o noso alumnado pode aglutinarse en tres grandes grupos que conviven no centro: por unha banda, o alumnado post-adolescente ou na veintena, que estuda idiomas como un complemento á súa formación; o alumnado que xa ten unha traxectoria profesional establecida e acude ao centro como un xeito de manter o seu currículo competitivo, e, por último, o alumnado senior, que busca cumplir metas agora que teñen tempo e ganas. Nas aulas, estes grupos non actúan como entes estancos, senón que interactúan entre si, creando sinerxias de aprendizaxe verdaderamente interesantes.

Que novidades presenta a EOI de Vigo para este curso escolar?

No eido académico, este ano reforzamos o itinerario de ensino semipresencial, ampliando os cursos de inglés ás seccións de Coia, Redondela e Tui, e introducindo o alemán na sede central. O ensino semipresencial segue a ser unha modalidade moi demandada polo alumnado, dado que permite unha mellor conciliación da vida persoal e académica. Ademais, a gran vantaxe desta modalidade é que o alumnado ten o material ao seu dispor de balde e o profesorado está presente a través da plataforma para axudar en todo momento. Tamén aumentamos o número de cursos monográficos que se ofertan en inglés, francés e alemán, para quen non quere certificar o nivel ao final do curso. Finalmente, implantamos o nivel C2, o máis alto, en alemán, francés e italiano, que se suman ao galego, inglés e portugués que xa tiñamos e facilitan que o noso alumnado poida realizar toda a súa formación lingüística no mesmo centro.

Cantos alumnos suman as sedes que complementan á central?

En total, as seccións aportan arredor de 2000 alumnos á sede central, e todas ellas seguen o mesmo patrón de recuperación paulatina de alumnado despois da pandemia. A existencia destas seccións, ubicadas en centros de ensino secundario e con horario de tarde, permite ao alumnado non ter que desprazarse á sede central.

Ademais dos cursos ordinarios de idiomas, na EOI organizan máis actividades formativas e divulgativas. Hai alguhna novidade este ano?

Ata o momento, confirmamos que o programa de Bolsas do Concello de Vigo, que permite ao noso alumnado realizar estadías lingüísticas no estranxeiro, seguirá a súa andaina. Ademais, o centro acolle cursos de formación do profesorado a través do Centro de Formación e Recursos. Actualmente, estamos organizando os clubs de lectura en varias linguas (francés, galego e inglés) e preparando obradoiros que acheguen aspectos diversos da cultura ao alumnado, como pode ser a cociña, a música ou a caligrafía das linguas asiáticas.

Recentemente xurdiron numerosos métodos para aprender idiomas fóra das aulas. Cre que é posible aprender unha lingua, por exemplo, a través dunha app móbil?

Estamos a vivir una era de revolución tecnolóxica na que a irrupción da intelixencia artificial plantexa debates moi interesantes no ensino de linguas estranxeiras, mais a experiencia na escola parece suxerir que o alumnado emprega aplicacións móbiles e outros apoios tecnolóxicos cun papel secundario, de apoio ao proceso de aprendizaxe que viven nas aulas, en primeira persoa xunto aos docentes. A lingua é un ente vivo, orgánico e en constante evolución, co que considero improbable que se poida aprender unha lingua, con toda súa riqueza de matices, significados e connotacións, a través de medios tecnolóxicos exclusivamente. Sen retroalimentación e reforzo positivo real a aprendizaxe vese moi dificultada.

Planean engadir algún idioma más de cara ao futuro?

O ano pasado fixemos unha petición á Consellería para ampliar o noso itinerario formativo co árabe e o ruso, e pretendemos reiterala durante o presente curso académico xa que percibimos un interese real na nosa contorna por esas linguas.

Contenido patrocinado

stats