Opinión

Zapatillas sen pedigrí

Nunca souben moi ben en base a que confirma a DGT o número de vehículos que van sair en cada ponte festiva, e tampouco sei moi ben en que se basean todos os noticieiros para dar a escandalosa cifra que cada familia ten que sacar de non sei onde para que os seus cativos inicien o curso escolar sen traumas, porque se os números son certos da toda a impresión de que os nenos españoles acoden cada setembro ás aulas envoltos en Guccichándales e con carteiras Louis Vuitton.

Imos ver, ou é que non son certos os datos alarmantes dos informativos cortadixestións ou é que a nosa xente aínda non tomou conciencia dos repetidos golpes de estado que nos están dando desde os búnkeres dos mercados especulativos. Porque se do que estamos falando é dun neno que estudia no ensino público, a min no me saen as contas, a non ser que se aproveite cada mes de setembro para renovarlle todo o fondo de armario e deixarlle cargado o móbil ata o Nadal para que cada día se comunique telefónicamente cos compañeiros de pupitre, non vaia ser que ó falar en persoa se lle contaxie o acné ou os piollos.

Evidentemente vivo neste mundo e sei o que custan as cousas, desde un mandilón ata esa ducia de libros que a maioría dos nenos non precisarían se dunha vez por todas se collera o touro polos cornos e, o mesmo que da noite para a mañá se reforma a sagrada constitución, se pactase unha auténtica reforma educativa que puxera orde e concerto neste mar de reinos de taifas nos que cada curso naufragan a maioría dos nosos alumnos.


Imaxino que soará a batallita del abuelo cebolleta se digo que os que non levabamos á escola primaria máis ca unha pelota, un tiracoios e bastantes ganas de aprender, fomos quen de conseguir sacar bacharelatos e carreiras con bastante nota; e asegúrovos que os únicos libros dos que dispuñamos pertencían á escola e pasaban de man en man, un curso sí e outro tamén. E os zapatos gorila, ou os seus sucedáneos na maioría dos casos, duraban todo o ano, tendo que pasar unha lixeira Itv no zapateiro de cabeceira para aplicarlle un pequeno 'restiling' nas punteiras coas que xogabamos ó fútbol, mentres os mandilóns, rodilleiras e codeiras se encargaban de manter á raia ó resto da indumentaria.

Non precisabamos internet porque os mestres eran pozos de sabedoría e para relacionármonos xa sabiamos onde quedar para xogar ás canicas ou para roubarlle os menbrillos ós Salesianos. Os únicos 'deberes' a certas idades consistían en aprender as regras de multiplicar, porque os ríos, montes, cabos e golfos aprendíanse cantando, e iso non se esquecía nunca máis, aínda que incluíran todos os afluíntes do Amazonas e do Orinoco.

Asómbrome hoxendía da cantidade de información que reciben os rapaces vía internet e comprobo con pena como iso non se traduce en resultados académicos, cun desprezo importante para o cultivo da memoria, da capacidade de raciocinio, da cultura enciclopédica e daquelo que hoxe soa tan rancio pero que ó meu modo de ver era, e segue sendo, fundamental para o desenrolo das persoas, fálolles da urbanidade; sí, iso tan desnortado para os rapaces, e máis dun moderno docente, de agora. Porque ademáis do inglés e da informática, os rapaces seguramente están precisando volver a ter que levantarse cando entra o mestre na aula, e aprender que nestes tempos duros para moitas da súas familias non pasa nada por calzar unhas zapatillas sen pedigrí ou cargar coa mochila do ano anterior, aínda que xa teña borrada a cara de 'jana montana'.

Te puede interesar