Opinión

“Qué verde era mi valle”

Nos grises invernos, sobre todo cando o de arriba se empeña en deixar en ridículo ós que prognosticaban pertinaz seca, e neses días nos que todo está confabulado para amolarte, nada mellor que rescatar algunha desas xoias gardadas na cinemateca cal tesouro, armarte de manta, palomitas e paquete de 'kleenex', por se acaso, para disfrutar do cine con maiúsculas dese John Ford que conseguía coa xúa xenialidade legarnos os avatares e os sentimentos da familia Morgan en 'Que verde era mi valle', película que se alzou co Oscar de 1941 vencendo nada menos que ó 'Ciudadano Kane' de Orson Welles. Lembro perfectamente o impacto que me causou o primeiro visionado daquela cinta ambientada no Gales das primeiras reconversións mineiras cando eu á penas cumprira catorce anos e pertencía o grupo de 'Cine Forum' da Laboral de Cheste, sempre Cheste no meu recordo e na miña formación, onde uns abnegados educadores conseguían que uns cativos, que ata daquelas soamente disfrutaban coas pelis de vaqueros e da incipiente ciencia ficción, foran converténdose pouco a pouco en auténticos cinéfilos. Tamén é verdade que un par de anos despois, xa na Laboral de Eibar, e continuando como cinceclubista militante tiven que tragarme algunhas das chamadas películas do Este que non había humano que as dixerira por moito que o experto se esforzase en falarnos das bondades da 'arte e ensaio'. A fin de contas eramos rapaces de quince e dezaseis anos que o único que desexaban era que os seus primos maiores os colasen nas pelis de Ornella Muti tipo 'Experiencia Prematrimonial' ou na primeira entrega de 'El Padrino', saga da que me faría devoto.

Penso que herdei de meu pai a miña paixón polo cine, a quen eu agardaba xogando na praza para que me levase con él ás sesións de 'tolerada para menores'; fose 'El Tulipán negro' de Alain Delon ou fose a oscarizada 'Sonrrisas y lágrimas'; aínda que o día que máis disfrutei foi cando me levou por primeira vez a Ourense a ver 'Los cuatreros de San Antón' no Principal, coa conseguinte ración no Bar Orellas á saída.

Gústame case todo tipo de cine, aínda que teña que confesar que para o seu visionado cambiase as salas de proxección, ás que soamente asisto cada vez que Almodóvar estrea película, pola comodidade da miña casa con palomitas incluídas. Se o que quero é emocionarme utilizo o sofá para deixar caer unha bágoa cando 'Billy Elliot' entra saltando no escenario na escena final; e se a película non require unha especial atención aproveito para vela dándolle pedaladas a bicicleta estática que teño diante da pantalla do ordenador, cultivando ó mesmo tempo corpo e mente. Xa ven, todo moi programado nestes invernos ociosos nos que, por fin, me metín de cheo na aprendizaxe do inglés, por moito que as miñas teachers ourensás Bea e María Jesús non o crean.

Ben é certo que cos anos un faise máis zoquete e o que antes custaba cinco minutos en aprender agora leva cinco horas, pero como Mariano non ten pensado enviarme de embaixador a Londres de xeito inmediato tampouco me corre moita presa. Pero sí que é certo que procuro ver moitas cousas en versión orixinal subtitulada como exercicio práctico, cun maior disfrute de estupendas series como 'Los Tudor', Modern Family' ou 'Los pilares de la tierra'. Iso sí, sen as letriñas de abaixo sigo sen entender nin papa, pero como me dicían as miñas queridas teachers polo menos vaime quedando o acento, o british por suposto, porque o ianqui ségueme soando a chicle mascado.

Te puede interesar